Ledicia Costas, escritora

"De 'O Diario Galego' espero información en clave de país"

Ledicia Costas [Imaxe: M.O.]

Encetamos cunha conversa coa escritora Ledicia Costas unha serie de entrevistas sobre O Diario Galego, o proxecto en papel que Sermos Galiza S.A. prepara para 2019.

-Que esperas de O Diario Galego?

 

-Información en clave de país. Esas son as miñas expectativas para este diario e sei que as vai cumprir. É o que necesita Galiza agora mesmo.

 

-Por que é necesario?

 

Somos moitas persoas as que compramos semanalmente o Sermos e que seguimos tamén o dixital. Para min é un dos mellores medios de comunicación que hai actualmente en Galiza. A partir desa demanda, que fai que o dixital e o semanario queden pequenos, creo que necesitamos un Sermos en papel diario.

 

-Que importancia podería ter O Diario Galego no ámbito cultural e na creación literaria galega?

 

-Precisamente, o Sermos sempre está pendente da creación literaria en galego. Continuamente hai entrevistas a escritoras e escritores, pezas sobre premios. Ás veces, por desgraza, somos practicamente invisíbeis noutros medios. O Sermos sempre dá conta, co tipo de colaboracións que ten, do que se ai na literatura, que é o meu campo, pero non só dela, senón de toda a creación cultural que hai. Agradecemos ese papel visibilizador das persoas que escribimos en galego.