As lectoras de Infobierzo, entre a unión con Galiza e a independencia con León

Vista panorámica de Santalla del Bierzo (Imaxe: Wikipedia).
Nun contexto de reivindicación da independencia do territorio do antigo reino de León, nunha enquisa lanzada polo xornal ás súas lectoras, e na que votaron 1.718, 32% optou pola anexión do Bierzo a Galiza.

En decembro de 2019 o pleno do Concello de León aprobou unha moción, presentada polo partido local Unión del Pueblo Leonés (UPL) a favor da autonomía das recións de León, Zamora e Salamanca. PSOE e Podemos respaldaron a proposta, rexeitada por PP e Ciudadanos. No medio das novas que analizaban as posibilidades de que a proposta virase realidade, e as súas posíbeis consecuencias, InfoBierzo decidiu preguntar directamente ás súas propias lectoras polas súas preferencias . E a opción que acadou máis votos, arredor de 32%, foi a "anexión do Bierzo a Galiza".

Na enquisa de InfoBierzo participaron 1.718 persoas, das que 551 optaron pola unión da comarca do Bierzo ao territorio galego. A segunda opción máis votada, con 541 votos ou 31% do total, foi a creación dunha comunidade autónoma; diferente á de Castela, que englobase as rexións de León, Zamora e Salamanca. É dicir, a proposta presentada no Concello de León por UPL.

En terceiro posto; a “independencia da comarca do Bierzo, acadou 19% dos votos , escollida por 319 persoas. A maiores, 165 votantes manifestaron o seu desacordo con calquera tipo de independencia, 105 optaron pola "independencia da provincia de León", e 38 marcaron a casilla de "indiferente".

No Bierzo, entidades como o colectivo cultural Fala Ceibe reivindican os lazos que unen esta comarca con Galiza. "O Bierzo ten loitado historicamente por acadar un maior recoñecemento territorial e bilingüe. Velaí que non se admita ben ese comprobado ocultamento do Bierzo fronte á relevancia da provincia leonesa. Ademais, levamos séculos falando galego sen o abeiro das institucións foráneas. Tanto a Deputación leonesa coma a Junta de Castela e León non son protagonistas na protección do galego, senón O Bierzo", escribíu o seu voceiro Xabier Lago nun artigo para Nós Diario.