O lecer nocturno galego encara "tranquilo" a época festiva após o incendio de Murcia: "Estamos controladísimos"

Varias mozas e mozos gozando do San Froilán de Lugo o pasado 5 de outubro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
"En canto se detecta que algunha discoteca non se axusta á licenza, procédese ao seu fechamento para evitar calquera risco", precisan desde o Concello de Santiago.

O sector do lecer nocturno encara a temporada de maior concentración festiva, co Samaín e o Nadal como puntas de lanza, "tranquilos" e sen nada "extraordinario" sobre a mesa após os últimos acontecementos que sacudiron o mundo da noite, co incendio da discoteca La Fonda de Murcia e o fechamento da Sala Malatesta de Santiago.

"Estou seguro de que o 80% ou 90% dos locais cumpren a normativa", asegura Martín Zarauza, da Asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela, que insiste ademais no control estrito que leva a cabo desde o Concello, sobre todo a respecto das licenzas. "Son bastantes cautelosos", apunta. Precisamente por iso, sinala que na Galiza, e máis concretamente en Santiago, "non hai demasiada problemática". Preguntado polo caso da Sala Malatesta, réstalle importancia e afirma que cando emenden os danos provocados polo incendio, volverá estar en funcionamento.

Da mesma forma expresábase a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que insistía en que o fechamento non era "definitivo" e debíase ás deficiencias provocadas polo fogo que se declarou na sala o sábado 7 de outubro. Insistía tamén en que Malatesta tiña "todo en regra". O Concello de Santiago decretou o 18 de outubro a suspensión da actividade da Malatesta após a inspección realizada polos técnicos de Urbanismo a raíz do incendio leve. O suceso provocou a evacuación de decenas de persoas, mais non deixou feridos.

Argumenta Zarauza que debido precisamente ás inspeccións prodúcense fechamentos de locais, como foi o caso da discoteca compostelá clausurada por falta de insonorización e un fallo no cadro eléctrico. Considera que o de Murcia foi un "caso illado" e recoñece que, ao saltar a noticia, algúns clientes interesáronse pola seguridade e polas inspeccións que pasan os locais. "Pero foi no momento", puntualiza.

O Concello de Santiago, consultado ao respecto pola axencia Europa Press, precisa que non hai ningunha discoteca funcionando sen licenza por motivos de seguridade. "En canto se detecta que algunha non se axusta á licenza, procédese ao seu fechamento para evitar calquera risco", remarcan.

Explican que se realizan inspeccións en tres casos: por inicio de actividade, cambio de titularidade e por denuncias. "Os fechamentos de estabelecementos deste tipo prodúcense cando se detectan risgos de seguridade ou de ruídos", explican.

O sector, "controladísimo"

Sabela Regueira, da directiva de Clubtura - Asociación Galega de Salas de Música en Vivo, manifésrase nos mesmos termos, facendo fincapé na seguridade deste tipo de locais. "Realmente non hai nada novo. Está todo tranquilo. Todos cumpren. Todos van na mesma liña", asevera, especialmente no referido ao control de aforo. "Iso está controladísimo", insiste.

Con todo, apunta tamén a outras medidas moi importantes e nas que tamén centran a súa atención, como a sinalización luminosa, "vital" en caso de emerxencia. "Telo todo controlado ao final é o mellor para todos. Para nós, por toda a infraestrutura, para os traballadores e para o propio público, que ao final agradece estar tranquilo. É o que buscan, poder gozar sen preocupacións", comenta.

Tampouco ten coñecemento de que se recibisen requirimentos por parte dos concellos para inspeccións extraordinarias, da mesma forma que tampouco preparan nada fóra do común para as festas que se aproximan. "A xente está tranquila", conclúe.