O lecer infantil, sen limitacións de grupos pero con máis restricións que o de adultos no exterior

A OMS desaconsella o uso da máscara en menores de 5 anos (Imaxe: Nós Diario)

A chamada “nova normalidade” ábrese camiño desde esta fin de semana, coa xeneralización das ocupacións en interior ao 90% e no exterior ao 100%. No lecer infantil hai avances, como a eliminación de máximos nos grupos, pero mantéñense máis restricións de capacidade que nas actividades de adultos no exterior, que se limitan ao 90%.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou na sexta feira as normas que abren camiño á 'nova normalidade', que xeneralizan as ocupacións do 90% nos interiores e do 100% en exteriores.

Pero non así para os centros de lecer infantil, que segundo a propia descrición do DOG son aqueles estabelecementos abertos ao público que se destinan a xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para idade igual ou inferior a 12 anos, así como os destinados á celebración de festas infantís.

Así, mentres que no sector do lecer nocturno existen dous niveis de seguridade, un con certificado covid (que permite o 90% de capacidade no interior e 100% en exterior), os estabelecementos para nenos quedan co 90% tanto dentro como fóra.

Colectivo sen vacina

O grupo menor de 12 anos é a única franxa de idade que non ten aprobada a vacina para a súa administración, aínda que xa está en fase de análise por parte das axencias do medicamento após presentar Pfizer os resultados do seu estudo (para crianzas de 5 a 11 anos).

Por baixo de seis anos, a máscara non é obrigatoria e, de feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) desaconsella o seu uso nese grupo de idade, tanto polas necesidades psicosociais como polos fitos do desenvolvemento dos nenos.

Así, a OMS recolle que o uso da máscara "non debe ser obrigatorio para os nenos de até cinco anos, en aras da seguridade e o interese xeral do neno e dada a súa incapacidade de utilizar adecuadamente unha máscara cunha asistencia mínima".

Actividades de tempo libre

O DOG tamén recolle que as actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil e albergues e campamentos xuvenís poderán realizar actividades cun 90% da ocupación.

As actividades, en todo caso, deberán evitar o contacto entre os participantes e non poderán realizarse aquelas que impliquen contacto físico constante entre participantes.

Os albergues e campamentos, neste caso, poderán manter unha ocupación de até o 75% da súa capacidade máxima. No caso de campamentos, a ocupación nas tendas será do 75% da súa capacidade máxima habitual, "garantindo a distancia interpersoal".