Caderno de Verán

O lecer é cousa de todas

Unha participante no programa co monitor (Foto: Fundación María José Jove)
As persoas con capacidades diferentes saen a navegar e gozar da praia grazas ao proxecto Esforza. Malia as medidas adoptadas este ano, 234 persoas estanse a beneficiar desta iniciativa que xa leva en marcha uns anos

As fronteiras da capacidade e discapacidade cada vez disípanse máis, sobre todo porque cada quen ten aptitudes diferentes e non por iso unhas persoas son máis ou menos que outras. No entando, para aquela xente que se atopa con dificultades para gozar do deporte e do lecer, a Fundación María José Jove (coa colaboración de Caixabank) desenvolve o programa Esforza desde hai varios veráns. 

Esta iniciativa axuda a persoas con mobilidade reducida ou problemas doutra índole a aproveitar o mar e as praias.

Malia as restricións que se atoparon este ano, as dúas entidades decidiron seguir adiante e están atendendo "234 participantes" nos accesos ao arenal de Oza, un espazo urbano da Coruña algo apartado do centro. 

Tamén se integra nese número a xente que está a practicar vela e a que surca os mares en piragüa, pero este ano hai accións tan apegadas a terra firme como o "sendeirismo".

"Os grupos son máis reducidos e hai controis de seguido", explican desde a Fundación Jove, aludindo aos cambios que implicou a pandemia. Con ela ou sen ela as saídas xa comezaron hai varias semanas porque non é cuestión de deixar pasar o estío fechadas na casa. 

A entidade conta que a vela é, quizais, o deporte máis accesíbel porque as embarcacións están adaptadas. As quendas vanse formando segundo o que opine o cadro de monitoras, que xa ten experiencia doutros anos.

Do que non hai dúbida é de que as e os usuarios aproveitan até o último raio de sol para gastar forzas neste programa, que ademais ten unha edición de inverno.