Laxe lembra a catástrofe do Prestige cunha exposición

Exposición sobre o Prestige
A mostra 'Prestige, crónica negra dun modelo enerxético insostíbel' poderá visitarse até finais de mes no Museo do Mar desta vila.

Cando estamos a piques de conmemorar o décimo aniversario do afundimento do petroleiro "Prestige", o concello de Laxe quixo lembrar aquela catástrofe. A exposición é de carácter temporal e foi cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Medioambiental de Galiza (CEIDA). Segundo @s creador@s "dá a coñecer as consecuencias reais da catástrofe ambiental creada co fundimento e, ao mesmo tempo, estimula a reflexión sobre os nosos patróns de consumo enerxético". Está composta por módulos nos que salienta a maqueta dun petroleiro, un módulo sobre aves mariñas afectadas ou a reproducción a escala dun barril de petróleo.

O concello pretende con esta actividade "conmemorar a catástrofe e ao mesmo tempo a acción voluntaria, a solidariedade e a participación desatadas pois estes foron os valores que nos axudaron a restabelecer a normalidade". A exposición poderase visitar no Museo do Mar de Laxe até finais de mes os sábados, domingos e feriados de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.