As lapas volven pór en perigo o monte comunal de Mandín, en Verín

As lapas arrasan o monte comunal de Mandín, en Verín. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza denuncia a falta de previsión por parte da Xunta, xa que o incendio chegou desde Portugal cruzando o río Miño e diferentes estradas.

O lume que cerca o monte comunal de Mandín, no concello do Verín, volve pór en perigo a esta hora da mañá as vivendas das vilas máis achegadas á fronte do incendio. Así o traslada a propia veciñanza a Nós Diario, que explica que, após evitar hai un par de días que o lume arrasase a parroquia, volve agora achegarse aos domicilios.

Estas lapas, procedentes dos lumes que levan calcinando as poboacións portuguesas do outro lado do río Miño durante unha semana, arrasaron xa 400 hectáreas de monte comunal, sen que a veciñanza que actúa como voluntaria para axudar os equipos de brigadistas o puidese evitar.

Neste sentido, fontes locais, en conversa con Nós Diario, denuncian a falta de previsión da Xunta, a través da Consellaría de Medio Rural, para evitar que o incendio queimase tanto terreo forestal como algúns efectos materiais. Entre eles, un vehículo particular.

"O lume cruzou o río (Miño), cruzou monte, cruzou unha autovía e unha autoestrada estatal, e ninguén fixo nada para evitar que chegase até as portas da parroquia", lamentaba un veciño que está a colaborar cos brigadistas.

Máis de 19.000 hectáreas calcinadas

Ás 8 horas da terza feira, a Consellaría de Medio Rural actualizou os datos de incendios activos e de hectáreas canceladas polas lapas.

En total, máis de 19.000 hectáreas de terreo forestal e rural víronse afectadas polo lume desde que comezou a vaga de incendios a pasada quinta feira. Valdeorras e Courel seguen a ser as zonas máis afectadas, con 7.500 e 6.000 hectáreas ardidas respectivamente.

O incendio no concello de Vilariño de Conso é o terceiro que suma máis de mil hectáreas no noso país. En concreto, a esta hora os rexistros de Medio Rural apuntan a 2.650 hectáreas queimadas.

O resto de incendios activos suman unhas 4.000 hectáreas. Deles, os máis grandes agora mesmo son o de Oímbra, que chegou desde Portugal (350 hectáreas); e Cervantes, con dous focos de 100 e 65 hectáreas.