Lanzan o manifesto pola recuperación de dereitos do profesorado

O texto tamén advirte contra o desprestixio social da función docente. (Arquivo)
É o primeiro chanzo nas mobilizacións unitarias no ensino que rematarán na folga do vindeiro 12 de decembro.

O texto destaca o empeoramento das condicións de traballo docentes tras os recortes practicados polos gobernos do PP: o incremento das ratios, a desatención á diversidade, os recortes orzamentarios, a perda de máis de mil postos de traballo en secundaria, a redución de apoios e denegación de desdobres e o aumento das itinerancias e da impartición de afíns, entre outras cuestións.

O manifesto, subscrito por todas as organizacións convocantes e que será lido durante a manifestación convocada para o día 12, tamén pide a devolución do horario lectivo do profesorado. O documento insiste na importancia de volver aos 18 períodos lectivos en secundaria, “e que permitiría, entre outras melloras, recuperar os máis de 1.000 postos de traballo perdidos coa aplicación da suba aos 20 períodos lectivos decretada por Rajoy no ano 2012”, segundo informan os convocantes nun comunicado. 

No caso de infantil, primaria e educación especial no manifesto sinálase que a recuperación das 21 horas, fronte ás 25 actuais, significaría recuperar un dereito que foi froito dun acordo coa administración galega no ano 2007 e que permitiu reducir as diferenzas entre os distintos corpos docentes e tamén entre as mestras do mesmo centro educativo. 

Por último, no texto tamén se fai referencia ao desprestixio social da función docente e dos servizos públicos en xeral, “alimentado polas administracións que defenden a súa privatización, á xestión antidemocrática dos centros introducida pola LOMCE e á desgaleguización atroz do ensino público froito das políticas lingüicidadas de Feijóo e do PP na Xunta”.