Lanzan unha campaña contra as web que fan apoloxía da anorexia ou a bulimia

A asociación ABAC e o Concello da Coruña colaboran na elaboración de campañas de sensibilización e atención a persoas con trastornos da conduta alimentaria (Imaxe: Concello da Coruña).
A Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña puxo en marcha unha campaña para denunciar a perigosidade das web e foros que animan as súas usuarias a condutas prexudiciais para a súa saúde.

Hai 23 anos constituíuse a Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC), nada a raíz da preocupación de familias, persoas afectadas ou sensibilizadas cos trastornos da conduta alimentaria (TCA). Recentemente, o colectivo decidiu poñer en marcha unha campaña para pechar e castigar as páxinas web ou foros que "fan apoloxía deses trastornos".

"Son espazos nos que se terxiversa a realidade: personalízanse a anorexia e a bulimia outorgándolles nomes, Ana e Mía”, explica a Nós Diario Jorge Garnelo, responsábel de comunicación de ABAC. As xestoras destes portais, coñecidas como pro-Ana ou pro-Mía, animan as usuarias a seguir a senda contraria á súa rehabilitación, ofrecendo consellos para a perda de peso. "Exaltan un estereotipo de delgadeza extrema, disfrazando a anorexia e a bulimia como un 'estilo de vida', cando se tratan de trastornos con graves consecuencias para a saúde", engade Garnelo. 

Exaltan un estereotipo de delgadeza extrema, denuncia Garnelo

Segundo datos de ABAC, 78% das usuarias destes espazos son menores de idade e un 95% son rapazas. A asociación engade que "só nun 13% dos casos as familias coñecen os seus hábitos".

A psicóloga teense especializada en TCA, Ester Silva, explica a este medio que moitas das usuarias destas páxinas se atopan nos primeiros estadios da anorexia ou a bulimia. "Non só acoden a foros ou páxinas web na rede, tamén a canles de Telegram ou grupos en Facebook nas que as usuarias se animan unhas as outras ou se propoñen retos", apunta en declaracións a este medio.

Silva salienta que tanto Francia como Alemaña lexislaron para prohibir as web pro-Ana e pro-Mía. "Tipificaron multas de até 10.000 euros ou un ano de cárcere para estes portais", engade. "É cada vez máis evidente que cómpre crear unha normativa no Estado que remate con eses espazos", incide Jorge Garnelo. 

A orixe das TCA

Se ben hai distintos tipoloxías de TCA, en principio moitos comezan cun malestar a nivel emocional que se traslada á imaxe do propio corpo e, posteriormente, a condutas alimentarias que buscan modificalo. "Un TCA adoita ser a punta dun iceberg cunha base familiar ou tamén ambiental", apunta Silva. E neste iceberg incide o alto impacto na mocidade das redes sociais. "Proxectan imaxes que pouco teñen que ver coa realidade", conclúe Garnelo. 

Un TCA adoita ser a punta dun iceberg, afirma Silva