Evento gastronómico

“Lalín con gusto” desborda as previsións de afluencia xa na primeira mañá

A cociña e a hostalaría son as protagonistas desta fin de semana en Lalín, onde se desenvolve nas xornadas do sábado e do domingo a primeira edición do evento gastronómico “Lalín con gusto”.

Lalín non é só cocido. A súa gastronomía e a súa cociña ofrecen un amplo abano de posibilidades ao longo do ano grazas á creatividade e a unha ampla oferta que o programa “Lalín con gusto” enxalza. Así, durante esta fin de semana, a carpa situada na Praza da Igrexa é o epicentro da hostalaría e dos produtos locais, unha amalgama de tradición e vangarda da que participan 11 profesionais.

 

Catas, degustacións, cociña en vivo... o evento conta con actividades gratuítas con dúas finalidades: “a posta en valor dos produtos de Lalín, de primeira calidade, e a posta en valor da hostalaría e restauración que aquí temos”, explica o edil de Turismo, Paco Vilariño. “Sumando isto temos como resultado Lalín con gusto, que nace cun programa transversal do que participan desde persoas que destacan polos cafés ou pola coctalaría, como é o caso de Xaime Rodríguez, campión galego da modalidade, até a nova fornada de cociñeiras e cociñeiros de Lalín”, engade.

 

Na tarde do sábado, as actividades centraranse no cocido, mentres que durante o domingo, o principal reclamo serán as tapas. “O evento naceu coa vocación de perdurar no tempo, mais a súa continuidade estaba ligada á aceptación que tivese por parte das persoas asistentes”, explícanos Vilariño, quen salienta o éxito de “Lalín con gusto” xa só na mañá do sábado, en que tomou a palabra o cociñeiro galego convidado, André Arzúa. “Asistiron moitísimas máis persoas das que pensabamos”, admite o concelleiro nacionalista.

 

Para non perder!

Sábado

  • 18.30 horas. Alberto González (Casa Currás) e Davinia Rielo (Restaurante 4 Camiños).
  • 19.15 Álex Iglesias (Restaurante Cabanas)
  • 20.00 Diego López (Restaurante La Molinera)
  • 20.45 Diego López Dapena (Escola de Hostalería Belarmino Fernández)

Domingo

  • 11.00 Alberto González (Casa Currás) “Cociña galega en miniatura”
  • 11.45 Patricia Galego (Bodegón A Cunca)
  • 12.15 Belén López (Gastrobar Doña Maruja)
  • 13.00 Xaime Rodríguez (Café Bar Kubos) -Demostración de coctelería.