Lalín, cruce de camiños

De falarmos do Camiño de Santigo, Lalín é un enclave privilexiado, pois por el pasan dúas rutas xacobeas: a Vía da Prata, o camiño xacobeo galego que atravesa máis percorrido no noso país, e o Camiño de Inverno, cunha enorme potencialidade de cara ao futuro. Coñecemos a capital do Deza da man da súa paisaxe.

Dúas das dez rutas que forman parte do Camiño de Santiago atravesan Lalín. Son a Vía da Prata e mais o Camiño de Inverno. A primeira dela tamén se coñece como o Camiño do Sueste e prolonga a calzada romana denominada Vía da Prata que unía Hispalis (Sevilla) con Asturica Augusta (Astorga). Trazouse aproveitando os camiños máis antigos e entra na Galiza pola Mezquita. É esta a ruta galega de maior percorrido.

 

A Vía da Prata adéntrase no Deza polo concello de Dozón e accede a Lalín, a sete quilómetros, pola aldea de Puxallos, parroquia de Catasós, onde as peregrinas e peregrinos poden coñecer a capela de San Roque, unha edificación de pedra que posúe unha única nave cun adro cuberto e cunha entrada que conta con dous ocos simé- tricos a respeito da porta de ingreso. Posúe unha tribuna de duplo piso arrimada a un lateral. Tamén se atopa próxima a Fraga de Catasós, declarada Monumento Natural e con máis de 45 mil metros cadrados de superficie, entre os que destacan excepcionais exemplares de carballos e castiñeiros, de máis de 30 metros de altura e de perto de seis metros de perímetro. Están considerados como os de maior taxa de crecemento anual de Europa.

 

Logo de atrevesar o río Asneiro en Pontenoufe, na parroquia da Xesta, no lugar homónimo atópase a capela de San Bieito, dunha única nave e na que destaca o campanario, dun único arco rematado cunha cruz. Continuando por Medelo, o camiño chega ao lugar da Estación, na parroquia de Botos. Desde aquí, o núcleo urbano de Lalín atópase a 4,1 km a través da estrada PO-534. Cruzando esta estrada e a man dereita, a ruta diríxese a Baxán, Botos e Porto, até chegar ao cruce coa estrada EP-6001. De fronte, por un camiño empedrado e xa na parroquia de Donsión, atravesa Eirexe, coa súa fermosa igrexa barroca, Santa Baia. A edificación primitiva foi substituída no século XVIII polo actual templo a cargo de mestres do barroco compostelán. Destacan o seu campanario, dividido en dous pisos –o inferior, cadrado, e o superior, octogonal rematado en cúpula– e o retablo. O camiño segue por Campo e, após atravesar o Rego das Cabirtas, chega ao albergue da Laxe, na parroquia de Bendoiro. A partir da Laxe, abandona a N-525 e atravesa Vilasoa, Campo e Bendoiro de Abaixo. Após Prado, o camiño continúa paralelo á estrada nacional, até dar coa estrada EP- 6004. A man esquerda, a 250 m., atópase o Pazo de Liñares, Ben de Interese Cultural que acolle o Museo Galego da Marioneta. A ruta segue polo lugar da Borralla, seguindo o trazado da estrada vella. Por baixo da ponte do ferrocarril, o trazado leva á ponte medieval de Taboada. Tras atravesar o río Deza, deixa atrás o concello de Lalín para entrar en terras de Silleda.

 

O Camiño de Inverno

 

Aínda que menos coñecido que a Vía da Prata, o Camiño de Inverno conta cun enorme potencial, e é a ruta alternativa ao Camiño francés. De feito, peregrinas e peregrinos tomábano para salvar a dureza da subida aos cumios do Cebreiro no inverno. A ruta parte de Ponferrada e segue o curso do río Sil polo Bierzo e Valdeorras. Transcorre por enclaves de beleza da talla das Médulas (Patrimonio da Humanidade), a Ribeira Sacra, Monforte ou Chantada. Trátase dunha fermosa alternativa para quen vai en busca de sosego e contacto da natureza, afastada do barullo e das présas.

 

No Deza a ruta entra por Rodeiro, a través do val de Camba. Logo dun par de quilómetros e tras cruzar a ponte medieval de Pedroso, chega ao concello de Lalín. Faino atravesando unha fermosa paisaxe de prados e carballeiras e chega a Lalín de Arriba, onde se atopa o magnífico cruceiro do século XVII, o máis antigo do municipio. Máis adiante, recibe as peregrinas e peregrinos a igrexa románica de San Martiño, vestixio do desaparecido mosteiro medieval. A edificación conserva da súa fábrica do século XII a ábsida rectangular, en que pode verse unha fiestra de arquivolta sobre columnas de capiteis decorados. A fachada occidental tamén se conserva na súa totalidade, ao igual que a cornixa con canzorros de diferentes formas. Do interior destaca o arco de medio punto sobre columnas con bases decoradas con garras e capiteis vexetais.

 

A partir de aquí, a peregrina ou peregrino pode optar por continuar o camiño ou deterse no núcleo urbano de Lalín, onde gozará de todo tipo de servizos. O Camiño de Inverno continúa polo agradábel Paseo Fluvial do Pontiñas e antes do final do paseo, desvíase para cruzar, no Espiño, a estrada N-525, até a Carballeira das Casianas. Unha vez atravesado o parque empresarial, e por unha zona verde, cruza a autoestrada por un paso subterráneo que leva até o albergue da Laxe, na parroquia de Bendoiro. Neste punto, xúntanse Vía da Prata e Camiño de Inverno para continuar cara a Santiago de Compostela.