Lalín quer que lle collas o gusto

A segunda edición de ‘Lalín con Gusto’ aposta nos bos produtos, boa cociña e bos restauradores, enriquecendo a proposta con novidades e actividades alternativas.

A segunda edición de ‘Lalín con gusto’ volve traer a primeiro plano unha oportunidade de coñecer e degustar bos produtos e boa cociña en Lalín, de mans de bos restauradores da zona e convidados. Mais non só, isto, nesta segunda edición hai tamén a oportunidade de gozar de boa música e de actividades alternativas, ampliando así a posibilidade de actividades dun evento que veu con gañas e intención de ficar.

 

‘Lalín con Gusto’ terá lugar na Praza da Igrexa o 16 e 17 de xuño. O concelleiro de Turismo, o nacionalista do BNG Francisco Vilariño, acompañado de dos restauradores e dietistas participantes presentou o programa desta segunda edición. Unha edición que alarga a oferta turística deste municipio, apostando na desestacionalización e en achegar novidades e atractivos para todo un amplo abano de persoas.

 

Como principais novidades este ano, “Lalín con gusto” amplía a súa programación ao domingo pola tarde con actividades para nenas e nenos, que terán a oportunidade de desfrutar dun obradoiro infantil relacionado coa gastronomía e dun concerto de Mamá Cabra, co seu último traballo “Eu cociño, ti cociñas?”. Tamén se incorporan dous novos valores, como son os dietistas Vanesa Taboada e Máximo Gioiello, “que encaixan á perfección co concepto de Lalín con gusto”. De maneira complementaria, tamén haberá unha aposta importante por actividades lúdicas, con actuacións que farán moito máis atractivo o evento. Así, o sábado ao mediodía actuará “Nós” e xa pola noite haberá un concerto acústico de “Sés”, unha iniciativa “moi potente que situara o evento moito máis alá do concello de Lalín, falando en termos de repercusión”.

 

Con respecto á infraestrutura, tamén haberá unha ampliación e mellora da carpa e do mobiliario que se vai instalar para o desenvolvemento desta cita, e que estará adaptada á previsión dun aumento de asistencia. Ademais dos cociñeiros e restauradores que participaron na primeira edición, este ano o evento tamén contará con Pepe Solla como cociñeiro convidado.