Lalín aposta na compostaxe da man de Adega

José Crespo e Fins Eirexas [ADEGA]

O concello inicia un programa piloto na parroquia de Goiás coa que prevé aforrar 7.000 euros na xestión dos residuos. 

 

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) e o Concello de Lalín puxeron en andamento un programa piloto para a xestión de residuos orgánicos através da compostaxe. 

Trátase dun proxecto emprazado na parroquia de Goiás e consistente na colocación de 100 composteiros familiares e comunitarios nos que depositar os lixo biodegradábel; unha campaña pedagóxica a desenvolver nas escolas e o reparto dun manual explicativo entre a veciñanza para coñecer a compostaxe caseira. 

Coa medida, a equipa de goberno local conta con aforrar até 7.000 euros na factura de Sogama habida conta que practicamente a metade dos residuos xerados nun domiciolio son orgánicos, "mesmo nas zonas rurais", explican desde Adega. Segundo a organización ecoloxista "unha vivenda de 4 persoas xera arredor de 3kg de materia orgánica ao día". Ao ano "isto supón 1,1 toneladas que hai que tratar no sistema público o que en 100 vivendas con composteiro propio (110 tonedalas de m.o. ao ano) aforrarían ao concello uns 8.800€ que doutro xeito habería que pagar a SOGAMA (a 80€/tn)". 

Adega leva por volta de 12 anos colaborando con 35 concellos de todo o país na implantación da compostaxe como modelo de xestión dos residuos orgánicos e lembra que "a implicación da cidadanía é a chave para o éxito" destas experiencias. Aliás, fornecen a veciñanza de apoio e asesoramento no decorrer do proxecto para demostrar, salientan, que "é posíbel xestionar os residuos de xeito ecolóxico e por riba, aforrar cartos".