Investigadora e monitora de Xuvenciencia

Laila Al-Soufi: "As rapazas que queren dedicarse á ciencia sábeno desde moi cedo, antes que os rapaces"

A investigadora Laila Al-Soufi Novo. (Foto: Nós Diario)
Está a preparar a tese en Xenética Psiquiátrica pero tamén é colaboradora do programa de Xuvenciencia, “Homes, mulleres e STEM”, no que xunto á xornalista Marta Veiga elaborou unha análise estatística vinculada ao Ensino Secundario, aos roles de xénero e á ciencia, con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia 2020.

Fálenos do "Homes, mulleres e STEM" inicial?

Non se idou para obter uns resultados e unha análise senón máis ben como unha actividade de concienciación sobre a fenda e os estereotipos de xénero na ciencia... Tratábase dun cuestionario en liña que tiña uns vídeos cos que se pretendía mover á reflexión... Como finalmente houbo moitas respostas ao cuestionario, case 700, e desde 31 institutos diferentes da Galiza, pensamos que era boa idea levar a cabo unha análise deses datos para poder extraer algunha conclusión e non deixar todo nunha simple actividade de concienciación.

E cales foron as conclusións?

Entre os datos obtidos centrámonos nos máis sorprendentes e nos que confirmaban o que xa se sabía. Por exemplo, unha das preguntas era a que ámbito da ciencia lles gustaría dedicarse, entre ciencias sociais, da saúde, experimentais, humanidades e enxeñarías. O que se viu claramente, que xa se apreciara noutros estudos, foi que os rapaces escollen moito máis as carreiras experimentais e as enxeñarías; e as rapazas elíxenas moi pouco e, sobre todo, queren dedicarse ás ciencias da saúde, sociais ou humanidades.

Marta tirou unhas conclusións que indicaban que, por un lado, as rapazas cren que son menos válidas para as matemáticas e iso repercute en que non opten por esas carreiras; e, por outro lado, a escolla das ciencias da saúde está relacionada co rol de coidadoras.

Que resultado lles chamou máis a atención?

Preguntábaselles cales eran as súas expectativas a nivel profesional, e sorprendeunos a resposta feminina. Había unha serie de aspectos que tiñan que puntuar do un ao cinco; as rapazas puntuaban de forma máis positiva o prestixio, o liderado, contribuír á sociedade, a aprendizaxe constante... Mentres que os rapaces elixían a estabilidade laboral, o tempo para a familia...

Cousas que de por si están atribuídas ás mulleres, sobre todo o tempo á familia. Pero como neste traballo non houbo cabida a preguntar polos motivos da escolla, non temos a seguridade de que as moveu a esa resposta. Podemos interpretar que as cousas están a cambiar ou que os rapaces escollen o tempo familiar como de descanso e que as rapazas optan por reivindicar que son mulleres capaces,  que teñen ambicións... 

No proxecto tamén participou alumnado de diferentes cursos. Atoparon diferentes respostas segundo as idades?  

A actividade abranguía desde 3º da ESO até 2º de Bacharelato e tamén os graos medio e superior de FP. A participación por xéneros foi moi igualitaria e, nas respostas, en canto ás idades, non atopamos diferenzas significativas. Pero se lles preguntaba se querían ou non dedicarse á ciencia, na ESO tíñano moito menos claro que no Bacharelato. O que si nos sorprendeu é que hai máis rapazas que rapaces que saben desde moi cedo, xa na ESO, que queren dedicarse á ciencia. 

Cal cre que é a razón? 

A interpretación que facemos é que elas, por prexuízos de xénero, teñen menos permitido dubidar, teñen que amosarse máis seguras e, se cadra, incluso teñen maior madurez. No lado negativo, algo que se esperaba, é que cando se lles pregunta cales cren que son as súas capacidades, as rapazas valoran peor a súa habilidade matemática, algo que xa saíu á luz noutros estudos. Ese pensamento é unha das razóns de que non escollan carreiras relacionadas coas enxeñarías, as ciencias experimentais...