A lagoa de Antela revive coa chuvia

A paisaxe da Limia, tras as chuvias, recuperou durante uns instantes a súa lagoa (Imaxe: CRTVG)
Tras as fortes chuvias das borrascas Elsa e Fabien emerxeu na Limia a lagoa de Antela, secada durante a ditadura.

Cada certo tempo, coincidindo con épocas de fortes chuvias continuadas, a lagoa de Antela revive na comarca da Limia. Aquel mar interior da Galiza foi desecado no marco dun proxecto da ditadura franquista, hai xa máis de 60 anos, para dar paso á despensa de patacas do país. Estes días as redes sociais inundáronse de fotografías e vídeos amosando as terras anegadas, o río desbordado e, nunha vista aérea, o reflexo do que unha vez foi unha lagoa na que a poboación cazaba e pescaba.

Isabel Álvarez, coordinadora da sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), explica a Sermos Galiza o motivo polo que as terras se anegan: "A Limia é unha chaira que se asenta sobre unha depresión tectónica, cunha enorme cunca fluvial, con moi pouca pendente e cunha zona de saída moi estreita que provoca a acumulación das augas". Estas características do territorio foron as mesmas que propiciaron a formación da lagoa en primeiro lugar. "A pesares das infraestruturas para o desaugamento nos momentos de grandes e continuas precipitacións as canles non dan abasto para dar saída a auga", destaca Álvarez.

A responsábel da sección Antela engade que na actualidade, cun maior número de infraestruturas e núcleos urbanos máis extensos en zonas inundábeis os danos fanse notar con maior contundencia. Así, pódese prever que as inundacións sigan tendo lugar, "cando se dean as condicións axeitadas".

Na Limia, desde febreiro de 2011, a SGHN trata de recuperar e coidar os restos que fican do humidal, da súa fauna en flora. "Ás veces estas zonas están moi deterioradas. Intentamos reverter o proceso de degradación, que tiveron lugar após os diversos procesos de concentracións parcelarias e fases de desecación". Álvarez destaca que a sociedade trata de implicar ás comunidades locais nos labores de conservación. "Actuamos tamén baixo a premisa de non afectar aos sectores produtivos da comarca, traballando especialmente na recuperación de diversas especies que podan ser de interese", di. Os labores desta sección complétanse coa organización de charlas divulgativas sobre Antela e o seu presente.