Labazada á política da Xunta na Risga

[Imaxe: Os Ninguéns] Protesto en relación á Risga

Condenan á administración galega a indemnizar unha muller polos prexuízos causados ao ter que mudarse para non perder a renda de integración social.

A política do goberno de Núñez Feixóo sobre a Renda de integración social (Risga) ten sido albo de numerosas críticas, tanto polos criterios como pola contía ou a orientación das mesmas. Esa política vén de recibir unha labazada en forma de sentenza xudicial: a Xunta é condenada a indemnizar unha muller, Lucía A.F. polos prexuízos de te que mudarse para non perder a Risga.

 

Lucía partillaba vivenda cunha compañeira para facer fronte aos gastos da mesma. En 2015, desde a Consellería de Política Social notificábaselle que podía ficar sen Risga pois a súa compañeira tamén percibía esa renda, polo que tería que se mudar para non quedar sen esta axuda.

 

Esta muller mudouse de casa, para non perder a Risga, mais denunciou nos tribunais o caso. A xustiza fallou ao seu favor, abrindo así as portas tamén a que varias persoas sen ligazón familiar mais que viven no mesmo domicilio poidan recibir axudas.

 

A mudanza causoulle unha serie de prexuízos, alegou a afectada, non só económicos, tamén danos morais. A administración negou calquera responsabilidade mais o Xulgado de Vigo condena a Xunta a indemnizar a esta persoa.