Kiko da Silva, debuxante: “Foi a primeira vez que a banda deseñada se uniu á denuncia social”

Debuxante de Banda Deseñada, cando afundiu o Prestige traballaba nun xornal. Como outr@s coa mesma profesión pensou en como participar na protesta contra o que acontecía. Nada mellor que facer o que máis lle prestaba. Nacía o Colectivo Chapapote que editou o libro H2Oil.

 

Como foi a experiencia do Colectivo Chapapote?

Máis que de concienciación artística foi de concienciación cidadá. O que vén sendo hoxe o 15-M vencellado ao feito do afundimento do Prestige. Decatámonos de que para facer ruído o mundo da Banda deseñada era un mundo que podía tratar de maneira rápida e clara o que estaba sucedendo. Sen ningún tipo de organización, foi todo moi pouco premeditado. Empezamos a falar entre nós, a xente interesada en facer algo. Tiñamos moita comunicación entre nós, o que logo sería a Rede Galega, e decidimos achegar o noso grao de area. Fixemos postais, páxinas dixitais, bandas deseñadas, mesmo algunhas accións na cidade de Pontevedra onde animábamos a xente a pintar e a plasmar con imaxes o chan da praza da Ferraría, con pintura negra en plásticos inmensos o que estaba sucedendo. Foi a primeira vez que a banda deseñada se uniu á denuncia social e política. A banda deseñada sempre estivo desvinculada deste tipo de accións e por primeira vez toma partido e reivindica algo que sempre facían músicos, escritores ou cineastas.

"Quedou a sensación de grupo, que había xente organizada que podía conseguir cousas"

No seu caso como tratou a catástrofe?

Xa traballaba na prensa daquela. Tentaba cada certo tempo sacar algunha viñeta referente aos temas políticos ou todo o que supuña para a xente do mar como a propia fauna mariña galega. Facía denuncia e concienciación. Fóra do xornal comecei a facer viñetas humorísticas máis politicamente incorrectas. Daquela non existían revistas satíricas e atopamos na Rede e na produción a maneira de transmitir este tipo de mensaxes. Os xornais non os trataban ou tapaban. Funcionamos, sobre todo vía internet. Aínda que non existían as redes sociais moveuse moito. A xente empregou estas imaxes para manifestarse. Era unha maneira de facerlle chegar á xente mensaxe que doutro xeito sería moito máis complexo.

"Cando se afundiu o petroleiro non había censura, logo cando o problema ecolóxico e social pasou a un segundo termo e apareceron as cuestións políticas, cada xornal puxo os seus límites"

Había censura no medio en que traballaba?

A censura que existe en todos os medios de comunicación. Uns dependen de subvencións, outros de anunciantes privados e todos teñen os seus límites. Cada editor decide en que termos conta as cousas. Por iso existen as revistas satíricas que non teñen eses problemas. Cando se afundiu o petroleiro non había censura, logo cando o problema ecolóxico e social pasou a un segundo termo e apareceron as cuestións políticas cada xornal puxo os seus límites. Tiñamos a sorte que xa existía internet daquela e contamos moitas máis cousas. Cando traballas nun xornal sabes até onde podes chegar e como lle buscar a volta para contar o que queres contar.

Que quedou daquela primeira experiencia colectiva?

Quedou a sensación de grupo, que había xente organizada que podía conseguir cousas. Despois xurdiu a Asociación de Ilustradores, con colectivos como Bdbanda ou Polaqia. Vimos desde outro punto de vista traballar en equipo. Coido que se nalgún momento pasase algo semellante, a banda deseñada galega estaría aí para denunciar. Nas historietas de unha páxina atopamos a fórmula con que achegar información rápida á xente.