Aniversario do naufraxio

Kevin González, fillo dun dos mariñeiros falecidos do 'Pitanxo', urxe baixar o pecio

Kevin González, fillo de Fernando González tripulante do 'Pitanxo'. (Foto: Nós Diario)
Marín acolle esta sexta feira un acto de lembranza do naufraxio do barco.

O pesqueiro Vila de Pitanxo afundía o 15 de febreiro de 2022 en augas de Terranova, en Canadá, provocando a morte de 21 dos seus 24 tripulantes. Para conmemorar o aniversario da traxedia —esta quinta feira— Nós Diario conversa con Kevin González, fillo de Fernando González, engraxador e un dos tripulantes que perdeu a vida no Pitanxo.

“Teño unha mestura de sentimentos, por unha parte estou triste pola perda de meu pai pero, por outra, estou bastante enteiro para poder afrontar a situación e seguir cara adiante”, explica González. En lembranza do naufraxio, esta semana están a decorrer diversos actos de homenaxe ás vítimas. González destaca a xornada de conmemoración aos mariñeiros do barco Praia Menduíña 2 cuxo labor conseguiu rescatar os tres superviventes do accidente. “Alégrame certas institucións recorden os nosos familiares, como así o facemos nós”.

Un ano despois do sucedido, González critica a inacción do Goberno estatal que “non fixo nada, e o que si foi porque [as familias] non deixamos de pelexar”. Nesta liña, engade que “o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, así como os ministerios implicados -Pesca, Transportes ou mesmo Traballo- non fixeron nada”. “Non sabemos cales poden ser os posíbeis intereses para non facer o que debían” sostén, e sinala que “a UE sinala co dedo o Estado español por non actuar no tempo e forma que debera, polo que terán que dar explicacións”.

Nestes momentos, o que máis urxen as familias é o descenso ao pecio. “Reivindicamos que, dunha vez por todas, saquen a licitación para baixar ao barco”; unha vez suceda, “agardaremos a que traian as probas para o xuízo”. A este respecto esperan que as novas probas que poidan aparecer, xunto coas xa existentes, así como os relatos de Samuel Kwesi -supervivente do Pitanxo- e dos mariñeiros do Menduíña, e coas análises dos peritos, xefes de máquinas e patróns, “se nos dea a razón”. “E se a xente implicada -armadora ou patrón- puido poñer trabas á verdade, que o pague".

Homenaxe en Marín

Esta quinta feira decorreu un funeral por dous dos mariñeiros falecidos na traxedia. Ademais, as conmemoracións continuarán esta sexta feira en Marín, onde se inaugurará unha placa en lembranza dos 21 tripulantes e se desenvolverá un funeral conxunto para todas as familias das vítimas. “Ao acto asistirán algunhas autoridades que nós mesmo invitamos porque cremos que son merecedoras de estar, como a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que se portou xenial con nós, entre outras”.