Justo Beramendi

"O diario debería dar un marco de información sobre os problemas do país desde o país"

O presidente do padroado do Museo do Pobo Galego aposta nun xornal que ofreza "foros de debate no que poidan participar todas as opcións"

De cara ao lanzamento do Sermos Diario Galego —o diario en papel que preparamos para 2019—, o historiador Justo Beramendi ten claras as achegas que un proxecto de tal calibre tería para o país. "Que haxa un xornal en galego é positivo en si mesmo, tamén que haxa un marco de información rigorosa e completa sobre os problemas do país e desde o país, que é un déficit do conxunto da prensa galega", sinala o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego.

 

O xornal como axente social e como espazo común é outro dos aspectos que Beramendi contempla a respecto do Sermos Diario Galego. Segundo el, cómpre ofrecer "foros de debate desde unha perspectiva non sectaria, que falase sobre os principais problemas do país no que puidesen participar as distintas opcións, de xeito que o público tivese unha perspectiva completa de cales son os proxectos e opcións que se barallan na sociedade e na política".

 

O historiador conclúe que, en liñas xerais, un xornal diario en galego "sempre terá unha aportación positiva, porque o tratamento da cultura propia na maioría dos medios de comunicación é manifestamente mellorábel". Este aspecto, sinala, xa é polo semanario e xornal dixital Sermos Galiza, "e máis aínda supoño que sería nun xornal diario".