Julio Abalde, reelixido reitor da Universidade da Coruña

O reitor da Coruña, Julio Abalde (Europa Press)
O catedrático Julio Abalde terá un segundo mandato como reitor da Universidade da Coruña (UDC) tras impoñerse nas eleccións celebradas nesta xornada a Fernando Martínez Abella, o outro candidato, cun apoio de 70,15% dos votos.

 Cos resultados do voto ponderado, Abalde obtivo un total de 3.197 votos fronte aos 1.429 da candidatura alternativa. A participación en total ascendeu a 26,16%.

Entre o profesorado doutor con vinculación permanente, o reelixido reitor obtivo 1.569 votos, fronte a 790 de Martínez Abella e 55 votos en branco; entre o persoal docente e investigador, o primeiro acadou 438 votos, fronte aos 117 de Martinez Abella, con 21 votos en branco. No caso do estudantado, Abalde logrou 905 votos, mentres que Martínez Abella tivo 391, e houbo 16 votos en branco. En canto ao persoal de administración e servizos, o primeiro sumou 285 votos e o seu opoñente   131, con 54 votos en branco.

Tras coñecerse os resultados, Abalde agradeceu os apoios, en especial, dos compañeiros e compañeiras  de Nova Luce e do seu equipo de goberno polo traballo dos últimos catro anos. "Esta é unha victoria colectiva, de un modelo de universidade e dun gobierno transparente e aberto, que propicia o debate", manifestou.

Entre as súas prioridades, fixou a defensa do ensino público, a mellora das condicións laborais dos traballadores da UDC e a atención ao estudantado, en especial ás alumnas e alumnos con problemas económicos. Na súa comparecencia ante os medios, tamén aludiu á loita pola igualdade e o cambio climático. "Os próximos catro anos suporán un tempo de definición do marco futuro no que se desenvolverán as universidades", avanzou. 

Na mesma comparecencia, o reelixido reitor quixo destacar o "ton construtivo" do seu opoñente, ao que convidou a seguir facendo propostas para conseguir "o mellor para a UDC". "Espero contar co seu apoio leal polo ben da Universidade", engadiu, nunha intervención na que apelou a pór as persoas "no centro".