Julián Ruiz, do “paletismo nacionalista del Celta” ao “no me gusta que me hables en gallego”

julian ruiz

O xornalista e produtor dá por concluída unha entrevista na Radio Galega por lla facer en galego. Non é a primeira que a 'monta' quen foi produtor de grupos como Orquestra Mondragón, Tino Casal ou Alaska. Lémbrano ben no celtismo.

O xornalista e produtor murciano-madrileño Julián Ruiz é o primeiro entrevistado que pasa polo programa 'A tarde' da Radio Galega e que se queixa de que lle falen en galego. “De momento, no me gusta nada que me hables en gallego”, espetou á xornalista Cristina García cando apenas se levaban 2 minutos de conversa, dando por concluída a entrevista. O equipo do programa da Radio Galega amosou a súa sorpresa pola reacción do produtor e lembrou que nunca tiveran problema algún con alguén polo idioma. Na páxina de facebook do programa A Tarde tamén se pendurou un comunicado no que explican que xa enviaron unha queixa á editorial que lles suxireu a entrevista, "pola falta de respecto deste home cara vós, cara nós e cara a nosa lingua". A entrevista a Ruíz era para falar do seu libro 'El sargento Pepper nunca estuvo allí '.É considerado un dos produtores máis importantes na historia do pop do Estado español e polas súas mans pasaron grupos e solistas como Aviador Dro, La Orquesta Mondragón, Alaska y los Pegamoides, Tino Casal ou Cómplices.

Non é a primeira vez que este produtor e xornalista ten un comportamento que entra, como mínimo, na falta de respecto cando non no insulto. No 2012, o Celta de Vigo emitiu un comunicado no que cualificaba un artigo deste xornalista como un ataque “inxustificado” ao clube e ao celtismo. Julián Ruiz escribira no blog que tiña no diario El Mundo a raíz dun partido de Copa do Rei entre Celta e Real Madrid: “Logo está o paletismo do ardor nacionalista do Celta, que nunca se repite contra o Barça, porque é outro tipo de independentismo”. No mesmo artigo cargaba contra xogadores celestes como Hugo Mallo e Bermejo.

De Ruiz tamén son coñecidos os seus ataques e insultos a Guardiola, a quen chamou "bufón" e reprochou que dixese que Catalunya era unha nación.