Profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC

Julián Alonso: "O Courel ten un diversidade de fungos maior que outras zonas e iso atrae o micoturismo"

Julián Alonso Díaz, profesor da USC. (Foto: Nós Diario)
Xunto co tamén profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro vén de presentar o Catálogo de macromicobiota das montañas do Courel.

Cóntenos en que consiste este catálogo micolóxico que veñen de presentar.
É o resultado dun traballo que empezamos en 2016, foron algo máis de tres anos e, por suposto, non é un proxecto fechado, xa que un catálogo sempre ten que estar aberto e, de feito, xa temos material para un apéndice.

Trátase de estudar os fungos macomicetos, os que producen cogomelos, nas montañas do Courel, que é unha zona moi interesante porque ten unha diversidade moi grande, tanto a nivel xeolóxico, como climático, florístico...

E todo iso tamén provoca unha diversidade fúnxica que aínda estaba moi pouco estudada.

Centrámonos niso, porque a nivel botánico a zona está bastante ben estudada e a nivel de macrofungos a cousa estaba bocexada apenas e, en canto á micoloxía, hai moitísimos espazos de interese en toda a zona e en toda Galiza. Posibelmente nun futuro se aborde un estudo máis amplo que recolla un catálogo máis xeral deste territorio. 

Que metodoloxía se seguiu para abordar o traballo?
O estudo seguiu unha metodoloxía na que se seleccionaron unha serie de formas representativas do territorio e durante moi diversas prospeccións fomos recollendo material, estudándoo, a nivel macroscópico e microscópico e tamén molecularmente.

Finalmente, catalogamos 536 taxons, que inclúen citas previas, o que fixemos no catálogo foi describir 410 taxons. Deste total, hai 109 que son primeiras citas para a provincia, 48 que son primeiras citas para a Galiza, cinco primeiras citas peninsulares e unha primeira cita europea.

Marca un punto de inflexión para o que é o coñecemento da diversidade fúnxica no territorio. 
O que se fixo foi unha selección de preto de 20 subzonas representativas dos distintos hábitats da área, onde se realizaron prospeccións periodicamente e o que se facía era tomar mostra dos exemplares que se ían atopando, fotografalos, anotar os datos macroscópicos...

E despois ese material estudábase no laboratorio a nivel microscópico. Sempre se gardaba o material deshidratado para herbario, o cal é moi importante, porque no futuro ese material poderá ser contrastado por parte doutro equipo investigador.

Por outra banda, coas especies máis difíciles fixemos unha secuenciación a nivel de ADN dese material. Con todo ese conxunto de estudos iamos catalogando e contrastando a bibliografía, que é moi ampla.

Que importancia teñen os fungos no ecosistema?  
Os fungos en xeral, e os macromicetos en concreto, realizan labores fundamentais nos ecosistemas.

Son, por un lado, os principais degradantes de materia branca, reciclándoa para reincorporala e que os produtores vexetais a poidan introducir no ciclo trófico.

Pero tamén moitos fungos estabelecen relación simbiontes coas plantas, o que se chaman as micorrizas, que son fundamentais para a saúde dos ecosistemas. 
Coñecer a diversidade é necesario para calquera proceso de xestión que se faga nun territorio, coñecer que especies hai, cales poden ser protexidas ou particularmente raras...

A efecto máis práctico, algún destes fungos producen cogomelos, que son de interese comercial, e algunha especie mesmo supón un aproveitamento importante desde o punto de vista económico.

E logo tamén está a atracción do mundo dos fungos a nivel de afección, o que coñecemos como micoturismo. Neste último caso, hai moita xente á que lle gusta estudalos, coñecelos, fotografalos...

E unha zona con esta diversidade, con fungos que non sempre se atopan noutros lugares, é un punto de atracción para ese tipo de turismo, de natureza e respectuoso.