Jule Goikoetxea, filósofa política e escritora: "A democracia non cabe no capitalismo e o patriarcado"

jule goikotxea
Jule Goikoetxea Mentxaka (Gipuzkoa, 1981) é filósofa política e escritora; profesora da UPV/EHU. Tras participar na primeira xornada da Semana Galega da Filosofía, esta terza feira asiste a un novo encontro do ciclo Diálogos desde a Periferia organizado pola Fundación Galiza Sempre para falar sobre contrahexemonía patriarcal e neoliberal.

Canto ten de feminista a democracia actual?

Moi pouco. Aos sistemas actuais chamóuselles democracias liberais pero máis dunha maneira descritiva que normativa. Vivimos en sistemas patriarcais. O noso último libro, que sairá nunhas semanas, titúlase así, Democracia patriarcal ─Jule Goikoetxea, Lore Lujanbio, Zuriñe Rodríguez e Estitxu Garai─. E cando dicimos democracia patriarcal, facémolo con certa ironía. Poden chamarlle democracia, pero non é real. Son sistemas políticos capitalistas, patriarcais e coloniais.

Que implica isto para a vida das persoas, das mulleres?

Cando falamos de democracia patriarcal ou patriarcado neoliberal referímonos á época que comeza nos 70, cando se inicia o proceso de privatización de todo o que se fixo público no século XX, incluído o estado de benestar. Nesta fase do capitalismo os procesos de privatización do público danse en sociedades patriarcais. Isto significa que canto máis se privatiza o público máis aumenta o traballo non remunerado das mulleres. Cando privatizas a sanidade e se quitan camas, a xente que ten que recuperarse envíase á casa, e quen a coida son as mulleres. O mesmo se falamos da privatización dos comedores escolares. As crianzas van comer á casa e quen fai esa comida son as mulleres. Sen retribución ningunha. A privatización neoliberal escraviza o triplo as mulleres: aumenta o seu traballo, que é o non pagado, baixan as cotizacións, as pensións.

Que ten que mudar para recuperar o público e acoller outras formas de goberno?

Desede mañá mesmo hai que abrir procesos de despatriarcalización e desmercantilización. Calquera política pública, práctica, organización ou discurso teñen que ir dirixidos a este obxectivo de despatriarcalizar e desmercantilizar os nosos corpos e as nosas vidas. Porque non é posíbel que haxa democracia se estamos nun capitalismo ou nun patriarcado. A democracia implica que nos poidamos gobernar, que poidamos gobernar o noso corpo e a nosa comunidade. E para isto temos que dispor de moitos recursos: educación, sanidade, servizos públicos; toda unha serie de condicións que fagan posíbel ese autogoberno.

Hai medidas concretas para  alcanzar este obxectivo?

Nós propoñemos distribuír o poder constitucionalmente e dar máis poder aos barrios, porque canto máis lonxe dos centros de poder máis mulleres hai. É moi  importante descentralizar o poder a todos os niveis. Tamén son necesarias medidas para que o traballo remunerado nunca supere en horas o non pagado. Trátase de pór a vida no centro, en vez do capital. E para iso hai situar os coidados no centro. O grande desequilibrio entre homes e mulleres está aí. Os homes apenas realizan traballo non retribuído e todo o que fan revértelles en capital económico, simbólico ou social; mentres que o que fan as mulleres non lles achega ningún tipo de capital nin cultural, nin simbólico, nin económico.

Cambiar as relación de poder, tamén é parte do proceso?

É fundamental empezar a incluír en todas as organizacións mixtas ─parlamentos, sindicatos, escolas, movementos sociais─ o poder de decisión e de veto das mulleres. No País Vasco xa se está a facer, con mesas organizadas nas que  teñen a última palabra, nomeadamente en todo o que ten a ver coa despatriarcalización.
Fronte a esta contrahexemonía hai unha misoxinia organizada en todas as esferas para que non consigamos poder, porque cada vez que o logramos quen o perden son os homes. A expansión do fascismo e do reaccionarismo está relacionado con isto, con que estamos chegando a todos os sitios.

Identidade, cambio e feminismo

"A identidade é a dimensión semiótica de toda materialidade. Non é un conxunto de ideas, é unha dimensión significante que fai que todas as identidades actuais en xogo: home, muller, traballador, capitalista, vasco, galego, español sexan importantísimas", explica Goikoetxea, tamén porque crean "suxeitos" e representan a dimensión subxectiva das nosas sociedades.  "Son a maneira que temos non só para entender o mundo senón para cambialo politicamente".

Neste proceso, a cuarta vaga do feminismo logrou importantes espazos de poder, pero sobre todo, di, "conseguiu levar a todos os ámbitos o patriarcado e o feminismo". "Iso articula unha nova mirada. Significa que a guerra cultural está gañada e que somos nós as que comezamos a definir os conceptos", a referir como 'violación normalizada' o que outros chaman 'normalidade'. Este é o gran paso, o primeiro de moitos cambios.