Mestre e autor do libro 'Cóntame un conto cuántico'

Juanjo Lamelas: "A mecánica cuántica estuda a interacción que existe entre a enerxía, como a luz, e a materia"

A divulgación científica e escrita son dúas das paixóns que combina Juanjo Lamelas. (Foto: Nós Diario)
Cóntame un conto cuántico é o noveno traballo literario do mestre Juanjo Lamelas, mais tamén é a súa segunda novela de divulgación científica, despois de Por que caen as mazás? Desta volta, o autor ourensán preséntanos con Xerais unha viaxe pola historia da ciencia que se centra nas teorías da física cuántica e que ten a Electroncio como gran mestre de cerimonias e acompañante "retranqueiro", que achegará a visión do mundo dunha partícula elemental.

Cal é o seu obxectivo con este "conto cuántico"?

A súa pretensión humilde é facilitar o achegamento do pensamento científico ao lectorado interesado no mundo da ciencia, que queira comprender algún dos conceptos que encerra e mecánica cuántica, que é unha teoría controvertida, misteriosa e, moitas veces, ofende a racionalidade, a nosa forma de entender o mundo. Pensamos que somos o centro de todo e o universo non conta con nós para nada. 

Como se artella o libro para chegar a ese obxectivo?

Está enfocado como un exercicio de autocoñecemento. O proceso é lento e supuxo a asimilación de moitos conceptos por min mesmo e unha dixestión deles para conseguir envorcalos dunha maneira que sexa comprensíbel.

O lector ou lectora viaxa comigo ao longo do libro acompañados por Electroncio, unha personaxe inventada, unha partícula elemental que intervén con retranca tentando xustificar o seu punto de vista. A mecánica cuántica traballa nos límites da ciencia e nós os humanos non camiñamos neses límites, pero usamos unha serie de cousas que só se explican pola mecánica cuántica.

Pode achegarnos algún exemplo desas cousas cotiás nas que intervén dalgún modo a mecánica cuántica?

Gústanos que funcione a tarxeta de crédito cando a metemos no caixeiro, que funcione o código de barras do supermercado... Todas esas cousas, habituais na nosa vida, teñen un fundamento, que a nós non nos interesa porque só queremos que funcione, pero se sentas a cavilar pregúntaste como é que pode funcionar, e iso só se pode explicar a través da teoría cuántica.

Cando lemos un código de barras o que temos é unha luz, que interpreta unhas transcricións, por exemplo electrónicas, as regras que seguen esas liñas explícaas a física cuántica, que xurdiu, de feito, do estudo do átomo de Hidróxeno.

A física cuántica explicou a partir del o movemento dos electróns, todo se basea na interacción entre a radiación e a materia, a interacción entre a enerxía e a materia.

E precisamente ese é o título do cuarto capítulo...  

Até o capítulo cuarto, o libro analiza as diferentes interpretacións que durante a historia se deron para xustificar o que é a luz e o que é a materia. Os conceptos de luz e átomo foron evolucionando, até que a comezos do século XX, Max Planck  propuxo que a luz podía estar cuatizada en pequenos paquetes chamados fotóns.

Anos despois, os primeiros modelos atómicos demostraron que a materia tamén está cuantizada, e materia e enerxía intercambia cuants, ou fotóns.

No sexto capítulo fálanos da filosofía cuántica...

A cuántica ten tres vertentes unha é a teórica, o conxunto de ecuacións que permiten deseñar un modelo; a segunda é a explicación, os experimentos. Eses dous ámbitos son obxectivos, ou se verifican ou non. Pero a cuántica encerra unha serie de misterios, inexplicábeis para nós, que ao longo do século XX se tentaron explicar desde a filosofía.

A teoría máis importante é a "Explicación de Copenhague", que di é imposíbel coñecer con exactitude dúas ou máis magnitudes ao mesmo tempo. Este é un erro intrínseco á teoría, Principio de incerteza, que se tenta explicar con experimentos como a da dupla fenda ou o gato de Schrodinger, un gato dentro dunha caixa selada con 50% de opcións de que se accione un veleno.

A mecánica clásica di que aínda que caixa estea fechada o gato ou está vivo ou está morto, en cambio, a cuántica di é que nin unha cousa nin a outra. Para nós é ilóxico, pero se en vez dun gato é un electrón xa non o é tanto.