Caderno de Verán

Juanjo Fernández, Asociación Galega de Barmen : "Estamos a innovar bastante nos cócteis"

Fernández di que o sector é cada vez máis profesional (Foto: Cedida)
O presidente da Asociación Galega de Barmen, Juanjo Fernández, recoñece que na Galiza se está a apostar moito polo produto autóctono. Asimesmo, afirma que as e os expertos do país están xogando con mesturas e presentacións novas malia que a poboación sexa máis tradicional

A quen lle dá acubillo a Asociación Galega de Barmen?
A asociación está aberta a calquera persoa que lle interese o tema da coctelaría, aínda que non sexa profesional da hostalaría. Certo é que a maioría dedícanse a isto ou están a estudar hostalaría. Temos desde xente empresaria até estudantes e algunha persoa á que lle gusta a actividade.

Como viven as e os asociados a caída de traballo?
Polo contacto que mantemos, a xente está bastante preocupada. É un tema do que non sabemos o alcance e non sabemos a saída. A hostalaría é un dos sectores que máis se está a resentir da situación.   

Malia todo, o verán é boa época para os cócteis. As e os 'barman' galegos están a innovar?
Aínda que nos campionatos sempre son determinados tipos de combinados, son de creación propia e estamos innovando bastante. Estamos a comezar con moitos produtos que hai uns anos era impensábel incluír, xa non na Galiza senón no Estado. O abano de posibilidades é impresionante e desde a asociación apostamos moito polo produto galego.

En que sentido?
Co Consello Regulador de Augardentes temos unha fase especial nos campionatos. Agora hai vermús, xenebra e ron galegos e estanse a facer propostas diferentes, incluso ecolóxicas. As bebidas que aparecen son de bastante calidade. 

De que elementos incríbeis tiran na barra?
Hai uns anos que se comezou coa nova cociña con esferificacións e mixoloxía molecular. Estanse a elaborar cócteis con texturas, terras comestíbeis con base de galleta para completar, a presentación está variando moito...

A clientela é tradicional ou atrevida?
Aquí somos moi tradicionais e, para cambiar esa tendencia, hai que dar a probar e pouco a pouco vanse creando ideas que van tendo saída. Por exemplo, tamén se está a apostar moito pola coctelaría sen alcol ou de baixo contido alcólico, para beber con moderación que é algo no que apostamos. 

Na Galiza hai 'barman' acrobáticos?
Hai tanto coctelaría acrobática como clásica. Pero só temos seis persoas interesadas.