Juan Viaño, novo reitor da USC

Juan Viaño.

O catedrático de Matemática Aplicada venceu co 50,5% do voto ponderado. Antonio López obtivo o 49,4. As eleccións estiveron marcadas pola escasa participación, de só o 14,4 do censo,con pouco máis dun seis por cento de presenza nas urnas do alumnado con dereito a voto.

O catedrático de Matemática Aplicada Juan Viaño será o novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela tras obter unha axustada vitoria fronte ao seu rival, o catedrático Antonio López, co 50,53 por cento do voto ponderado.

Após unha xornada electoral marcada por unha escasa participación, que alcanzou a penas o 14,45 por cento do censo, o equipo liderado por Juan Viaño será o encargado de afrontar os problemas que afectan a institución académica compostelana, que sitúa na situación económica, a necesidade de impulsar uns novos presupostos e a rápida negociación dun novo plan de financiamento universitario.

Antonio López, único rival de Viaño a suceder a Juan Casares Long, conseguiu o 49.47% do voto ponderado. Dos 4.530 votos emitidos, uns 4.377 foron válidos, 153 nulos e 454 en branco.

Un total de 31.352 persoas estaban chamadas a participar na elección do novo reitor da USC, dos que finalmente emitiron o seu voto uns 4.530 integrantes dos catro sectores da comunidade universitaria que compoñen o censo. Dos sectores que compoñen o censo, a maior participación rexistrouse no profesorado doutor con vinculación permanente, cun 86.94%. Séguelle o persoal de administración e servizos, co 73,70 por cento, as restantes categorías de persoal docente e investigador (19.37) e do alumnado (1º, 2º, 3º Ciclo e postgraos propios), con solo un 6.67%.