Juan Pedro Sánchez, presidente de Ulloa Viva: "Se Altri se pon na Ulloa non hai futuro"

Juan Pedro Sánchez, presidente de Ulloa Viva. (Foto: M.M)

Juan Pedro Sánchez é desde este sábado presidente da asociación Ulloa Viva, que loita contra a celulosa de Altri na comarca da Ulloa. Educador social e veciño de Antas de Ulla analiza nesta conversa con Nós Diario os retos de futuro da entidade.

-Cales son os obxectivos que se marca a directiva de Ulloa Viva de cara aos próximos meses na súa batalla contra a celulosa de Altri?

O que nos interesa é aumentar a nosa base social para sermos moitos máis e máis diversos. Neste sentido, imos traballar para achegar novos colectivos que están directamente afectados, como os gandeiros, os pescadores ou as comunidades de montes co co obxectivo de que se involucren máis directamente

Os próximos meses temos pendente coordinar cos grupos vivos locais que están traballando contra Altri por toda Galiza e organizar novos espazos de traballo na asociación para posibilitar a participación de máis persoas.

-Altri vinculou nun primeiro momento a construción da celulosa á recepción de axudas públicas, unha vez que o Goberno do Estado fechou as portas a esa posibilidade, descarta que a compañía poida acometer o investimento sen subvencións?

O discurso de Altri e Greenalia pasaba por afirmar que só porían en marcha a celulosa se contaban con axudas públicas. Pero o último movemento de Altri de mercar unha empresa ligada ao sector téxtil, deixa claro que ten suficiencia económica para desenvolver outros proxectos.

Se Altri se propón facer unha celulosa na Ulloa vai ir adiante con ou sen axudas públicas. As contas da compañía indican que rexistrou uns beneficios de 950 millóns de euros entre 2014 e 2023. Ademais, trátase dun grupo formado por máis de 20 compañías presentes en sectores moi diferentes, entre eles os medios de comunicación.

Altri ten capacidade para sacar o proxecto sen necesidade de axudas públicas, pois trátase dun investimento de 1.000 millóns de euros. Neste punto, hai que destacar que foi Altri quen xerou a iniciativa, pero o proxecto chámase Gama, e está impulsado por Altri e Greenalia, que é unha empresa galega.  

-Altri e a propia conselleira de Medio Ambiente avanzaron que traballaban para que a autorización ambiental integrada (AAI) estivera aprobada antes das vacacións do verán, neste contexto que análise fan ao respecto?

É unha das cuestións que máis nos ten en tensión neste momento e queremos estar preparados para responder. É unha das nosas urxencias e ímonos reunir cos nosos grupos xurídicos para elaborar a nosa resposta. Unha vez que coñezamos a resolución actuaremos.  

-A autorización ambiental integrada no caso de aprobarse significa o remate do proceso administrativo, no caso de que iso aconteza que alternativas estudan adoptar?

O noso obxectivo principal é claro e consiste en parar o proxecto de Altri e Greenalia. Unha vez que saibamos cal é resolución sobre a  autorización ambiental integrada imos a reunirnos con todas as entidades para formular a nosa alternativa.

Se Altri se pon na Ulloa non hai futuro. Significaría un cambio total de paradigma para unha comarca, onde está a segunda denominación de orixe de produción de queixos do Estado. Non se pode considerar este territorio como unha zona estéril ou non produtiva, hai que valoralo como un espazo produtivo moi importante.

Ulloa Viva estivo até agora centrada na oposición ao proxecto de Altri  e na mobilización, agora temos, tamén, que definir cal é alternativa para este territorio.