Contracultura

Juan Carlos Pérez (Aldealista): "O noso algoritmo busca unha aldea que namore de ti segundo os teus patróns de gustos"

O economista Juan Carlos Pérez presenta Aldealista, "o Tinder" para atopar a aldea idónea para cada quen. (Foto: Nós Diario)
Juan Carlos Pérez, economista, é un dos fundadores de Aldealista, unha aplicación que pretende unir vilas, aldeas e persoas, pondo en valor o rural co obxectivo de evitar a perda de poboación. 'Nós Diario' conversa con Pérez sobre o proceso de creación da plataforma e das iniciativas de apoio ao comercio local, xa que, como el di, "ninguén vai quedar nun lugar onde non ten traballo".

—Como xorde Aldealista?
Castiñeiro, no concello de San Xoán de Río, é a aldea dos meus avós e na que viven os meus pais. Normalmente pasan o inverno en Barcelona e volven aquí en primavera para pasar oito ou nove meses. Eu estaba traballando en Noruega e ao pouco de chegar aquí os tres saltou o estado de alarma. Comecei a colgar fotos da aldea nas miñas redes e escribíame moita xente do estranxeiro preguntándome onde estaba, xa que lles parecía un lugar fermoso, mais antes de todo isto, Castiñeiro non aparecía en ningún buscador convencional. Na Galiza hai 209 concellos que están por debaixo dos 5.000 habitantes e pode ser que, en moitas ocasións, nin a xente de aquí saiba o que hai no concello do lado. Así, falei co meu socio de Noruega, que é usuario de Tinder e outras aplicacións de citas e ocorréusenos que tiña que ser a vila a que atopara ás persoas.

—Como funciona isto?
Nestes momentos a app está dispoñíbel para as usuarias e usuarios beta. A finais deste mes ou inicios de decembro xa se abre para todos os usuarios a nivel internacional. Á persoa usuaria da app comezan a aparecerlle fotografías de paisaxes, gastronomía ou eventos culturais e esta vai deslizando segundo lle guste ou non. O noso algoritmo busca unha aldea que namore de ti segundo os teus patróns de gustos e ofréceche recomendacións de sitios onde comer, durmir e mercar.

Ese sería o match, e despois temos o que chamamos megamatch no que conectas cun territorio, por exemplo, a Ribeira Sacra. Estou convencido de que temos territorios moi invisíbeis e que cando a xente chega, ve o encanto e o máxicos que son, porque unha vila non é bonita só porque haxa un castelo, hai máis cousas.

De aí este propósito de darlle visibilidade, porque ao mellor alguén vai un día comer ou durmir, volve en festas unha semana ou aluga unha vivenda. Non ten por que estar todos os días do ano aí.

—Cales son as características nas que se fixa o algoritmo para unir aldeas e persoas?
Hai moitas variábeis: se prefires costa ou interior, actividades máis de sendeirismo ou acuáticas, se levas unha alimentación máis carnívora ou vegana, se optas por actividades máis deportivas ou relacionadas coa arte e os monumentos. Con isto, ofréceche ao mellor catro destinos, mais ti ves cada unha das aldeas e, ao mellor, só queres visitar unha ou prefires gardalas en favoritos para ir a todas. Un exemplo: perto de San Xoán de Río atopouse a Excalibur galega; seguramente este lugar poida facer match cun usuario ao que lle gustan os filmes medievais.

—Como se fan as recomendacións dun lugar?
Pódese acceder a elas a través da app unha vez que conectas cunha aldea ou a través dunhas baldosas que cedemos a cada municipio. Estas contan cun código QR que te dirixe a unha páxina onde aparecen todas estas recomendacións.

Paralelamente á app, desenvolvemos outra de software, Rural Manager, na que cada concello colga as fotografías e vídeos que xa teña feitas, ao mellor para unha guía que sacara hai anos. Logo, o alcalde ten a posibilidade de darlle unha ligazón aos estabelecementos para impulsar o comercio local, así estes teñen acceso á app de software e poden ir subindo o contido que lles interese para promocionarse. É dicir, non é unha páxina estática. Entón, se alguén pasa polo concello e ve a baldosa ou se conecta coa vila pode pórse en contacto directamente cos comercios ou reservar para comer e durmir. Sempre digo que isto é unha plataforma 'fixital': física e dixital. A nosa finalidade é que as aldeas e vilas non desaparezan e, para iso, os comercios locais teñen que funcionar porque ninguén vai quedar nun lugar onde non ten traballo.