Juan Carlos I voltará a Galiza tras as eleccións mais antes de que se constitúa o novo Goberno galego

Juan Carlos de Borbón e Pedro Campos, en Sanxenxo, a bordo do 'Bribón'. (Foto: José Oliva / Europa Press)
O rei emérito estivo por última vez en Sanxenxo o pasado mes de novembro.

O rei emérito español, Juan Carlos I, volverá, previsibelmente, á Galiza para competir nas regatas da clase 6 metros que se disputarán na localidade de Sanxenxo. A primeira destas sete probas que acollerá a ría de Pontevedra, segundo o calendario publicado pola Federación Galega de Vela, está prevista para mediados de marzo e a última será en novembro.

A visita do Borbón será unha vez que se realizasen as eleccións do 18-F mais antes de que se constitúa o novo Goberno que saia das urnas, e que sería o vindeiro 18 de marzo.

Juan Carlos I estivo por última vez na Galiza o pasado mes de novembro e nesa visita, a diferenza da anterior no mes de setembro, o emérito español saíu poucas veces para navegar.

Con todo, a última visita ao estado do rei emérito produciuse o 20 de decembro en Madrid con motivo da celebración do 60 aniversarios da súa filla a infanta Elena.

Así pois, esta sería a sexta visita a Galiza do ex rei español após a súa fuxida aos Emiratos Árabes Unidos (EAU) en agosto de 2020. En varias destas visitas o Borbón atopouse con concentracións de protesta e repudio cara a súa presenza en Sanxenxo.