Físico e investigador da Universidade de Vigo (UVigo)

Juan Añel: "Para frear o cambio climático hai que xerar empatía coas xeracións que o sufrirán máis"

O investigador do Campus de Ourense doutorouse cunha tese de análise climática da tropopausa. (Foto: Nós Diario)
Juan Antonio Añel forma parte do departamento de Física Aplicada da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, na UVigo, e integra o equipo EPhysLab, onde se realizan multitude de investigacións e estudos de carácter medioambiental. Añel traballa arredor do cambio climático, das enerxías renovábeis, da sustentabilidade e mais da dinámica atmosférica. 

Fálenos sobre o seu traballo no equipo EPhysLab.

Temos varias vías de investigación abertas. Estamos a traballar sobre o impacto das enerxías renovábeis, algo que facemos de modo transversal moitos investigadores do laboratorio.

Temos contratos con empresas do sector enerxético que nos dan liberdade académica a cambio de que lles prestemos servizos climáticos, é dicir, como terán que adaptarse no futuro para a xeración de enerxías eólica, solar e hidráulica, arredor da rendibilidade de certas zonas a curto e medio prazo...

Tamén traballamos no desenvolvemento de modelos climáticos, e centrámonos nas mudanzas na estrutura da atmosfera, porque cando falamos de cambio climático, estamos a referirnos a alteracións na precipitación, na temperatura e, nos últimos anos, tamén pomos o foco nos ventos extremos. Ademais, traballamos na recuperación de datos climáticos, que é unha das dificultades que temos en climatoloxía.

De que modo podemos recuperar ese datos?

Para poder avaliar canto cambiou o clima temos que saber como era no pasado e non sempre é sinxelo, porque do século XX para atrás non hai moitos rexistros. Así que eu, por exemplo, traballei nun proxecto europeo no que a recuperación de datos a faciamos a través de barcos.

Reproducimos os ventos que había no océano Atlántico cos libros do Arquivo de Indias, dos galeóns que facían as Américas nos séculos XVI e XVII. Collemos os cadernos de bitácora, onde o capitán anotaba canto navegaba o barco cada día e para o que tiña medidas de sextante e de nós, así que ao sabermos a posición e mais a velocidade, como eran veleiros, podiamos sacar a celeridade do vento.

Noutro proxecto relacionado, promovido pola Xunta, desenvolvemos ferramentas para a busca automatizada de datos en bibliotecas, por exemplo.

E que nos din os ventos sobre o cambio climático?

Os ventos son difíciles de cuantificar, sabemos a súa dirección, que nos chega para estimar o transporte de contaminantes pero saber a velocidade non é tan sinxelo.

O que si coñecemos, nos últimos 20 ou 30 anos, é que o cambio climático ten efecto sobre todas as variábeis (vento, temperatura...) e incluso sobre as estacións do ano e que os valores medios, os dos días tranquilos, vólvense máis raros e aparecen moitos máis casos extremos, menos días con calor moderada e máis días con vaga de calor, por exemplo.

Ao cabo do ano van aumentar os días extremos.

Sabemos que o cambio é irreversíbel, pero podemos pórlle freo?  

É un problema de difícil solución e o mellor que podemos facer é o acordado nos convenios internacionais, quedar nun grao e medio ou dous graos sobre o que debera ser a temperatura normal do planeta. O problema do cambio climático é que se trata dunha cuestión interxeracional, vano sufrir máis as xeracións que veñen detrás, hai que crear ese sentimento de colaboración internacional, de empatía e de remedio conxunto, que todo o mundo sexa partícipe da solución é moi importante.

Estase a pór o foco en ter hábitos alimenticios máis sustentábeis, o consumo de carne por exemplo, producir un quilo de carne de vacún custa moitísimo máis, en emisións e consumo de auga, que producir un de proteína vexetal. Consumir máis local, porque a principal pegada de Carbono está no transporte de mercadorías.

E usar menos o coche, que supón un terzo das emisións, nos orzamentos españois era bo que se baixase a bonificación do diésel para estar en liña coa UE. Para frear o cambio temos que sacrificar algo, no persoal, e aplicar políticas ambientais, no colectivo.