José Piñeiro, responsábel Tabertenda: "Habería que reconsiderar o sistema de propiedade para quen queira vivir da súa propia horta"

Jose Piñeiro e Cristina Rei, responsábeis da Tabertenda de Salceda de Caselas (Nós Diario).

O desemprego serviu hai oito anos para que nacese no concello de Salceda de Caselas unha iniciativa que achegaba os produtos ecolóxicos á sociedade. José Piñeiro, xunto á súa socia Cristina Rei, xestiona desde 2012 a Tabertenda. O estabelecemento, a medio camiño entre tenda e taberna, é punto de encontro daquelas persoas que consideran que "coas cousas de xantar non se xoga". En tempos de pandemia aumentou a demanda mais, aínda así, os prezos seguen a ser a sinatura pendente da gastronomía natural.

Como nace ese concepto de Tabertenda?

Comezamos en decembro de 2012 como consecuencia de quedar no desemprego, a miña socia máis eu. Ambos os dous pertencíamos a unha asociación ecoloxista e cultural, a Trece Catorce. Decidimos probar sorte e iniciar este proxecto. Parece que foi onte, mais xa levamos oito anos. Un tempo de distintos avatares, mais pagou a pena. 

Galiza ten sona de contar con bos produtos. É doado conseguilos ecolóxicos e galegos?

É complicado. Aínda que nos gustaría que fose doutra forma, ao final estás dentro dun mercado e dun sistema capitalista que o que fai é que teñas que competir. No noso caso con outros supermercados, tendas e bares. Nós sempre que podemos mercamos en proximidade. Moitas veces é imposíbel por non existir ese produto a nivel local ou comarcal e outras veces por prezo. Non podemos ofrecer produtos moi caros porque o noso obxectivo é vender. Se non o facemos ao final perdemos diñeiro. Hai produto galego que está ben en relación calidade-prezo e tamén está a demanda.

Cales son os produtos galegos ecolóxicos máis demandados?

Iogures, queixos, por exemplo. Tamén o aceite e produtos da horta. 

As actividades que realiza procuran espallar o consumo ecolóxico?  

Si, pensamos en que o local estea vivo e non se quede nunha tenda. Antes do confinamento faciamos regularmente actividades para concienciar e divertir. Fixemos teatro, monicreques, concertos, conferencias, ... 

A xente coidase máis na alimentación ou gaña o prezo por riba da calidade?

Hai de todo. Á xente gústalle coidarse cada vez máis. Mais tamén hai a quen lle dá igual. Por ese motivo continúan abertos negocios de comida rápida. A pandemia axudou a que a xente busque máis a natureza e coma mellor. No confinamento, nós duplicamos as vendas da tenda. 

Todo o que sae da horta é ecolóxico?

Non. Mesmo ás veces é peor que o convencional. A horta hai que saber facela. Eu teño horta. Se tes unha viña e lle dás sulfatos sistémicos é da casa, mais esa química vai a toda a planta. Na horta igual. Se lle dás herbicidas, non é ecolóxico. Un exemplo claro é o dos ovos. Se alimentas as galiñas con transxénicos, xa non son ecolóxicos. 

Como se podería fomentar na Galiza que un produto ecolóxico sexa rendíbel? 

Hai varios factores e hai un moi grave que fai encarecer o produto: o minifundio. Creo que deberían facerse unhas concentracións parcelarias ben feitas, non como se fixeron. Non só de terras agrícolas, tamén de terras forestais. Na miña parroquia temos un problema cos montes privados que están abandonados e son un foco perigoso de incendios. Son parcelas tan pequenas que non dan para meter maquinaria, nin para xestionalas  na agricultura.

Habería que reconsiderar un pouco o sistema de propiedade para que quen queira vivir da súa horta non teña problemas coa extensión. Ese é o motivo de que suban os prezos dos produtos,  para tentar vivir desa horta. Despois outro factor é a conciencia. Nós non temos os produtos que hai nun supermercado. Podes aforrar no supermercado 100 euros mais tes que valorar se ese diñeiro é rendíbel para a túa saúde.