Caderno de Verán

José Manuel Iglesias, CEO de Galopín: "No deseño dun parque infantil hai pedagoxía e socioloxía"

José Manuel Iglesias é o CEO da firma de deseño de parques (Foto: Cedida)
O CEO de Galopín PlayGrounds recoñece que, polo momento, se manteñen os parques infantís que xa existían. Porén, a empresa non deixa de innovar. Até sacou un parque que se desinfecta só cando non detecta presenza de ninguén no entorno

Cada vez apostan por uns parques máis punteiros...
Cremos que un parque que se localiza no espazo público ten que achegarlle dignidade e calidade, á marxe da seguridade. Un pequeno incremento de valor no espazo público aumenta o valor do contorno.

En que se fixan á hora de deseñar os seus produtos?
Hai que incluír moitísimos aspectos como o coñecemento da socioloxía, da pedagoxía... Porque un pode facer o mellor parque do mundo cos mellores materiais do mundo e certificado, pero se non coñecen as regras da pedagoxía pode ser incluso contraproducente para o desenvolvemento dos nenos. Nós facemos un esforzo importante nesas cuestións que están apreciando en sitios como Rusia, Emiratos Árabes, Latinoamérica, Asia... Mercados moi esixentes. 

Por que traballan neses mercados?
Son aos que nós queremos optar porque o investimento nun parque de calidade aforra en mantemento e é moi rendíbel.  

Xa están exportando a algúns países?
Si, por exemplo, estamos a facer parques singulares nas cidades máis importantes do mundo: Moscú, Viena, México... Facemos tamén moitos parques tematizados.

Non venden na Galiza?
Ás veces hai que facer o camiño de volta. Na Galiza todos temos o complexo de inferioridade:  parécenos que o noso non é o mellor, por desgraza. Pero fixemos o parque da Coruña mellor valorado pola veciñanza, o de Elviña, e agora rematamos un parque monumental en Vigo. Pero os parques máis espectaculares están en grandes cidades, con moitos habitantes, ou en centros comerciais.

Foi preciso readaptar os parques pola Covid-19?
Nós temos un proxecto, BioSpace, que é un parque que se desinfecta automáticamente cun sistema de bombas de alta presión, pero mentres tanto os parques son os que temos e hai que utilizar sistemas de desinfección convencional. A problemática é que as crianzas teñen que socializar, que non ten tanto que ver cos deseños dos parques. O parque ten unhas bombas de alta presión e cando non hai afluencia de xente el só provoca, por nebulización unhas micropartículas que fan a desinfección. Xa está na nosa fábrica.