José Manuel Iglesias, Carballo Vivo: "A compra de proximidade é moi importante e valoriza o rural"

José Manuel Iglesias Espiño, presidente de Carballo Vivo, nunha actividade da asociación (Nós Diario)

O asociacionismo galego é ben diverso e activo. O seu traballo é fundamental para dinamizar o territorio, máis se falamos de zonas con problemáticas como a falta de servizos e espectativas laborais que potencien que a poboación medre. En Friol, comarca de Lugo, a asociación "Carballo Vivo" leva oito anos con experiencias de diálogo e promoción do seu municipio co obxectivo de querelo e protexelo mais coidando a natureza onde está situado. 

Cal é a historia de Carballo Vivo?

A asociación funciona desde hai oito anos. Comezamos na parroquia de Carballo, en Friol, polo que lle quedou ese nome. A nosa actividade vai enfocada ao rural con actividades que relacionen a xente do municipio, tamén dar voz ás persoas e ás súas inquedanzas ademais de tratar as diferentes problemáticas que temos. Interésanos dar a coñecer iniciativas interesantes doutros lugares que poidan dar ideas aquí. Colaboramos co concello a través dun premio de investigación relacionado coa cultura, a etnografía e o patrimonio de Friol.

Que problemáticas son esas?  

No rural son bastantes, sobre todo relacionados co tema da cultura, da gandaría,... o problema de como desenvolver unha actividade economicamente rendíbel. Expoñemos cuestións relacionadas coa sostibilidade e a ecoloxía. Tratamos cuestións relacionadas cos montes veciñais e o seu aproveitamento. Gústanos falar de temas que lle afectan directamente á xente. Tentamos que haxa puntos de encontro entre veciñas e veciños mais animalistas e os cazadores... expoñer os diferentes puntos de vista, por exemplo, no tema do lobo que se trata cada ano.

É difícil tratar eses temas tan contraditorios?

Moi difícil. Nós creamos eses puntos de encontro. Outra cousa é chegar a unha conclusión ou non. Non había o que agora chamamos "parladoiros" por facelos no campo da feira por motivos de seguridade sanitaria. Falamos, mais ás veces hai berros. Era moito máis común as charlas que non son tan interactivas. Nestes encontros xurdiron actividades moi novidosas que tamén se dan a coñecer e que moitas veces non se valoran.

Algún exemplo?

Traloagro que é unha iniciativa que montaron un biocentro que fai produto ecolóxico moi vencellado á terra e é de proximidade. Hai leitarías que apostan polo leite cru, polo queixo,... Facilitas que se coñezan e expliquen as súas experiencias para que outras persoas se animen.

Non ten a sensación de que están a facer actividades que deberían partir das Administracións públicas?

Elas están como colaboradoras. Quizais si, deberían. Non sei porque non o fan. Por outro lado está ben que o fagamos desde o mundo asociativo porque a xente entende que non está tan politizado. 

A crise sanitaria e económica mudará a ollada do rural?

Quero pensar que si. Dáme medo de que cando pase todo isto nos esquezamos da importancia que ten o rural. Ten que ser un punto de inflexión para que non perda máis. Perde explotacións, carga de traballo,... No noso concello, polo menos, hai unha tendencia moi xeneralizada de explotacións familiares que desaparecen e quedan as grandes explotacións que para min non son a esencia do rural.

As pequenas son as que xestionan o territorio e as outras non. Para min esa tendencia non é futuro. Todo está ligado, desde a protección contra os incendios até a realización de produtos de proximidade. O rural estaba moi esquecido, semellaba que custaba moito facerlle un sitio a nivel urbano. Parece que nin existía.

Ogallá sexamos capaces de mudar a ollada que hai cara ao rural, que se destinen máis fondos ou mesmo que a xente das cidades mire máis ao rural e non tanto ao supermercado. A compra de proximidade é moi importante e valoriza o rural para que pase a ser unha realidade e non sexa unha moda. Hai que ollar máis polas explotacións familiares que son as que coidan máis o noso territorio.