Entrevista

José Luís Mascareñas (CiQUS): "As universidades asumen o gran peso da investigación"

José Luís Mascareñas é investigador na área de química biolóxica e médica. (Foto: Nós Diario)
José Luís Mascareñas (Allariz, 1961) vén de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias cun discurso titulado 'Ciencia, Catálise e Vida', unha chiscadela á súa traxectoria como investigador e director científico do CiQUS, mais tamén unha oportunidade para reivindicar a formación e o coñecemento no ámbito da ciencia.

—Que sente ao ser parte da Real Academia Galega de Ciencias?
Para min é unha satisfacción, polo recoñecemento que supón á miña traxectoria investigadora, mais tamén pola oportunidade que supón ser parte dunha institución prestixiosa, relevante, á hora de favorecer e impulsar a ciencia e a tecnoloxía na Galiza. Agora que estou dentro, creo que podo contribuír a iso, algo que me motiva e polo que levo loitando toda a vida.

—'Ciencia, Catálise e Vida' foi o título do seu discurso de ingreso. Que experiencia agochan estas tres palabras?
Dalgunha maneira, tratei de cadrar nunha soa historia a miña traxectoria co traballo de investigación que estamos a facer no Ciqus, no ámbito da catálise; a interacción entre química e bioloxía, entre catálise e bioloxía. Pero, sobre todo, nun momento en que parece que só é importante o que ten unha aplicación inmediata, quixen reivindicar dous valores para min fundamentais.

Por unha parte, a ciencia dirixida ao descubrimento e ao avance do coñecemento, porque sen isto non son posíbeis as aplicacións. É o caso das PCR, a aplicación é recente, pero remóntase a descubrimentos básicos dos anos 60. Por outra, a formación de persoas, un aspecto crucial de cara ao futuro. O grande éxito de países como Xapón, Corea, China, Alemaña ou EUA en ciencia, tecnoloxía e industrias asociadas vén dun capital humano moi ben formado ao que despois se lle dá a oportunidade de demostrar o seu talento e ser líder en diferentes campos.

—Son as dúas facetas que tratan  de conxugar no Ciqus?
O Ciqus é un centro dedicado fundamentalmente a descubrir. O seu obxectivo é facer ciencia na fronteira do coñecemento, no límite do que se sabe. Ese coñecemento leva moitas veces a aplicacións concretas, de feito xa se crearon cinco spin-off e rexistráronse numerosas patentes. Pero para nós é crucial o capital humano. Queremos ser exquisitos na selección, pero tamén á hora de darlle oportunidades a estudantes e investigadores principais para que poidan demostrar todo o seu talento e dedicar a maior parte do seu esforzo ao labor de creación. Esa combinación de xente apaixonada con proxectos na fronteira do coñecemento e apoio para que non perdan tempo é o que levou o Ciqus a ser unha referencia en investigación.

—Describe unha carreira investigadora difícil de consolidar.
As universidades xogan un papel crucial. Seguen a asumir a maior parte da investigación e fallan á hora de dar oportunidades despois dos estudos de posdoutoramento. Non se trata só de fichar persoal para que dea clases, senón para que desenvolva, tamén, unha carreira investigadora. É o mellor para a universidade, para a captación de recursos e para o alumnado, porque o entusiasmo e motivación desa xente contáxianse.

—O Ciqus é un dos centros singulares de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (Ciqus), en química biolóxica e materiais moleculares. A que se dedican?
Nós somos químicos, e por tanto, expertos en moléculas, que están en todo o que nos rodea. As células vivas están formadas de moléculas, por exemplo. Coñecelas e modificalas dános bastante poder. Así, o que pretendemos é desenvolver tecnoloxías que nos permitan facer moléculas que cambien a bioloxía da célula, que poidan interferir con procesos celulares importantes para a súa función. Traballamos na fronteira entre a química e a bioloxía celular. E unha das cousas que máis facemos é o desenvolvemento de encimas artificiais, inventadas por nós, para modificar de forma controlada determinadas funcións celulares, de modo que non só podemos desenvolver novas estratexias terapéuticas, novos medicamentos, senón tamén entender mellor como funcionan as células vivas.

"A chave está sempre nas persoas"

A "combinación máxica" que pode levar Galiza a avanzar en ciencia está inventada, asegura José Luis Mascareñas. Por un lado, as persoas: "Hai que formar ao máximo nivel e dar oportunidades para que cadaquén demostre o seu talento. Canta máis xente valla, mellor, porque veremos máis líderes académicos, industriais, en condicións de xerar empresas. A clave está sempre nas persoas. Despois, precisamos que as Administracións Públicas e as empresas apoien este talento".

As primeiras con políticas decididas dirixidas ao persoal e ás infraestruturas, "para que poida traballar en posicións seguras, competitivas, estábeis, ben pagadas". As segundas, "fichando doutores", anima. "As empresas queren expertos, pero deberan apostar por creadores, con capacidade para facer cousas máis ambiciosas".