Jorquera, no xuízo polo despexo de Aurelia: a acción policial foi "inxusta"

O portavoz parlamentar do Bloque fixo estas declaracións ás portas dos xulgados da Coruña con motivo da vista polas sancións acometidas desde a Subdelegación do Goberno durante a manifestación contra o despexo de Aurelia Rei. 

 

En 2013 o voceiro parlamentar do Bloque participou, canda centos de persoas, nunha mobilización convocada por Stop-Despexos para impedir que a octoxenaria fose despexada da súa morada. Após ser sancionado pola Subdelegación de Goberno Jorquera declarou hoxe no xuízo xunto c@s axentes policiais que tomaron parte no dispositivo despregado. 

O nacionalista asegurou sentirse "orgulloso" de ter participado "como un cidadán" en defensa do "dereito á vivenda e a unha vida digna". Aliás, considerou "inxusta" a resposta policial contra as persoas que se manifestaban pacificamente no que considerou un acto de "criminalización da protesta" social. Neste senso, denunciou a recentemente aprobada Lei mordaza que tildou como "atentado contra os dereitos fundamentais". 

"A propia Amnistía Internacional advirte da criminalización que está a facer o Estado español das protestas sociais contra as políticas do Goberno do PP”, subliñou Jorquera, tanto a respeito das actuacións policiais, “moitas veces desmedidas”, como verbo da “persecución dos colectivos organizados que protestan a través de multas e sancións", concluíu.