Estreamos a sección 5x2 no semanario

Jorge Mira e Lito Prado debaten en Sermos sobre o cambio horario

Xuntamos nunha mesa a Lito Prado e a Jorge Mira, as dúas caras máis visíbeis que defenden as dúas opcións a respeito do fuso horario: mantelo tal cal é a aposta do profesor da USC Jorge Mira e cambialo na Galiza por razóns de aforro enerxético é a proposta de Lito Prado, educador e ecoloxista. Con este debate iniciamos o 5x2, unha sección creada para conmemorarmos o V Aniversario do Sermos Galiza en papel e que, durante dez semanas, nos levará a coñecer distintas opinións sobre asuntos de interese. Eis un extracto.

SERMOS GALIZA. Lito Prado, educador e ecoloxista, foi o primeiro que saltou á palestra pública para defender nunha asemblea do BNG en 2006 un fuso horario galego…

Lito Prado. Eu fun a cara visíbel desa proposta, mais desde o ano 89, en que eu estaba no grupo ecoloxista Biotopo da zona de Oleiros, xa falabamos do cambio de fuso. Pero iso non tivo repercusión até que así o quixo a prensa naquela Asemblea do BNG.

SG. Mentres, Jorge Mira, catedrático de Física da USC, vén de presentar un informe no Consello da Cultura Galega no que desaconsella cambiar o fuso horario español. Por que, Jorge?

Jorge Mira. A primeira cuestión é que a estabilidade horaria é un activo dun país. Nas épocas de guerra houbo moitos cambios de fuso e cando rematan, os fusos consolídanse. De feito, en épocas de paz desde a Segunda Guerra Mundial ningún país agás Islandia, creo, fixo cambios de fuso con estabilidade. Segundo: unha cousa que me rebota bastante é que se teñen usado argumentos que son falsos. E como se intenta mobilizar os políticos, díxose que o fuso español é froito dunha suposta preitesía de Franco a Hitler. Esta foi unha idea que lanzou unha asociación chamada Asociación para la Racionalización de los Horarios Españoles, hai cousa dunha década. Agora xa están recuando, porque algúns empezamos a levantar a verdade das cousas.

SG. Que opina Lito Prado desta cuestión histórica?

LP. Eu quero dar só un pequeno dado. En 1994 o Goberno australiano, precisamente en tempos de paz, si modificou os seus fusos, porque tiña tres, pero despois botando contas de tipo enerxético, por razóns única e exclusivamente económicas, engadiu un novo fuso horario, que é o da Illa de Lord Howe, de media hora

 

[Tes a íntegra do debate no número 243 do Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]