Joan Sales, doutor en Demografía: "Non por vir camiñando, o turismo é menos perigoso"

O doutor en Demografía Joan Sales, na redacción de 'Nós Diario' (Foto: Arxina).
O doutor en Demografía pola Universitat Autònoma de Barcelona e experto en xentrificación, Joan Sales, visitou Compostela esta semana. Nesta entrevista, defende a aplicación dunha taxa turística para a capital galega e aborda as problemáticas que provoca o turismo e o debate que xera.

—Cal é a súa impresión sobre a necesidade de aplicar unha taxa turística en Compostela?
Tendo en conta a cantidade de visitantes que recibe Compostela, sería unha boa maneira de que haxa algún tipo de retorno para as arcas públicas da actividade turística. Iso si, sempre e cando a taxa vaia reverter algunha das consecuencias negativas do turismo na cidade, e non para financiar unha maior promoción do sector. Ten que ter un obxectivo claro detrás. 

—Que tipo de medidas deberían impulsarse coa recadación?
Os estudos científicos demostran o impacto do turismo sobre o mercado da vivenda, polo tanto un dos obxectivos debería ser impulsar con esta taxa promocións de vivenda pública e social. 

—Que consecuencias ten a proliferación de apartamentos turísticos en determinadas zonas?
Tal e como están conformados os espazos máis atractivos de Compostela, especificamente o casco histórico e as súas partes lindeiras, ao remodelarse para que haxa turistas, así como veciñanza dun poder adquisitivo maior, prodúcense procesos de desprazamento da poboación.

—Debe ser entón limitada a proliferación de pisos turísticos?
Penso que si. A diferenza dos hoteis ou das pensións, que precisan todo un edificio, as vivendas turísticas podían ocupar calquera lugar dun edificio residencial. As rendas que xera un apartamento turístico multiplican por catro ou por cinco as ganancias dun aluguer convencional, polo que hai un grande incentivo para a persoa propietaria para mudar o uso residencial polo turístico, provocando ademais unha competencia no mercado da vivenda que acaba prexudicando a xente que busca un aluguer, que son normalmente as clases que teñen menor poder adquisitivo.

—E que acontece co comercio?
Os comercios con traxectoria histórica e cunhas características propias sofren dificultades. Coa perda de veciñanza no barrio estas tendas tamén perden a súa conexión coa contorna. Isto acaba provocando que haxa menos consumo no comercio tradicional e se vaia substituíndo polo que demanda o turismo.

—Que lle chamou a atención da súa última visita a Compostela?
Estando en temporada baixa hai numerosos grupos de turistas no casco histórico e é moi difícil atopar en determinadas rúas o que semella poboación da cidade. Isto desvirtúa o espazo, converte a zona nun parque turístico. Porén, na zona do mercado de abastos e nas rúas lindeiras si percibín un tecido comercial e unha oferta gastronómica máis destinada á clientela local.

—Notou a influencia do Camiño de Santiago na cidade?
Si. É curioso que os turistas cheguen camiñando, mais non por iso son menos daniños nin menos perigosos para a calidade de vida da cidadanía. Porén, é importante non sinalar directamente o viaxeiro, é unha simple ferramenta do sistema neoliberal que crea unhas necesidades específicas na xente, mais quen gaña cartos son os propietarios dos grandes espazos construídos nos centros das cidades e das cadeas hostaleiras.

—Que opina das zonas tensadas para regular o prezo do aluguer?
É necesario. Curiosamente, a lei aprobada en Catalunya neste sentido foi suspendida polo Tribunal Constitucional, mais despois o Estado aprobou a súa norma sen pór as ferramentas para que se aplique nas autonomías. Ademais, é unha lei moito menos ambiciosa que a catalá, que non limita o aluguer temporal e que tan só afecta os grandes propietarios.

O concepto de xentrificación

Joan Sales, experto en xentrificación, explica a orixe e o significado do termo, acuñado pola socióloga inglesa Ruth Glass en 1964. "Describía que barrios populares con características arquitectónicas potenciábeis eran renovados, polo que subían as rendas do aluguer e se desprazaba a poboación por outra de clases máis altas", sinala. "O concepto evolucionou en moitas derivadas, incluída a substitución das clases populares polo turismo, ao non poder competir coa plusvalía que xera esta actividade", afirma Sales.

O doutor en Demografía resalta que "aínda que a nivel municipal haxa certas capacidades de regulación, por moito que limites as prazas turísticas, as cidades forman parte dunha área metropolitana que posibilita que os turistas se despracen a localidades da periferia e sigan copando as rúas máis céntricas das localidades".