Médico de familia e voceiro de Agamfec

Jesús Sueiro: "Damos moita importancia á relación médico-paciente"

Jesús Sueiro, médico de familia e voceiro de Agamfec. (Foto: Nós Diario)

Jesús Sueiro é o voceiro da Asociación de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec). Conversa con 'Nós Diario' sobre o papel desta especialidade na pandemia ou da necesidade de contar con máis tempo e recursos para atender as pacientes, e reivindica unha maior implicación dos centros na súa contorna. 

—Vén de comezar a campaña de vacinación, de novo cun papel fundamental da Atención Primaria

Nós botamos de menos ter máis participación. Cremos que existe pouca relación entre a Atención Primaria e a comunidade e un exemplo é o das residencias. E pensamos que é unha das causas do desastre da primeira onda da Covid-19. Non ten sentido que carezan de relación cos centros de saúde, pensamos que o plan debera estar artellado máis desde os centros. Coa vacina hai profesionais voluntarios que se desprazan aos centros porque están, en certo modo, fóra do noso eido.

—Coida que primar a atención telefónica pode contribuír a esa desconexión?

A atención telefónica é unha ferramenta máis, pero cremos que debería reestruturarse. Deberan encargarse os servizos administrativos, remitindo a cada persoa ao persoal máis axeitado. Hai quen necesita un informe para a dependencia, un volante para unha análise... Son problemas de saúde que non precisan da atención dun profesional sanitario. Se semella que o problema require dunha exploración, dunha valoración presencial, darase  cita. E se ten que ser inmediata darase no mesmo día. Agora a clasificación estamos a facela os médicos, isto é pouco útil pois estamos tamén a resolver tarefas administrativas.

—Volvendo ás vacinas, están a recibir consultas ao respecto? 

Na miña experiencia a xente maior non ten dúbidas, o que nos preguntan e cando van poder vacinarse. Están desexando que haxa xa unha vacinación masiva.

—A reforma da Lei de Saúde posibilita que as vacinas sexan obrigatorias. É necesario?

En xeral, a nós a obrigatoriedade e o acto sanitario parécenos que casan mal. Damos moita importancia á relación médico-paciente, é unha cuestión fundamental na Atención Primaria. Neses casos a obrigatoriedade non entra. A solución pasa por traballar nesa relación e por ser quen de ter empatía para aconsellar ben as e os doentes.

—Que precisa esa relación para construírse?

Unha cousa que sempre repetimos, tempo. A nosa ferramenta fundamental é o tempo. Ter unha boa capacidade de empatía, humanidade, entender os problemas e inquedanzas dos nosos pacientes. Para que as habilidades clínicas funcionen ese tempo é indispensábel.

—Dispoñen del?

Evidentemente non, precisamos dese tempo. Coas axendas tal  e como as temos, que comezan o día con 30 doentes para o rematar con 50, podes imaxinar que iso non é viábel.

—En decembro presentaron ante a Valedora do Pobo unha proposta de desenvolvemento da Atención Primaria. A falta de persoal volve centrar as reivindicacións.

Falta vontade da Administración. Hai profesionais, pero non vontade de retelos. En enfermaría ofrécenlles contratos por horas e por días, mentres que Francia, Alemaña ou Inglaterra ofrecen salarios máis altos e con maior estabilidade. En tempo de precariedade e de asfixia pódese optar por eses contratos tan malos por desesperación, pero moita xente nova con coñecemento de idiomas seguramente opte por un futuro máis digno no estranxeiro. No caso da Pediatría levamos dez anos alertando das baixas taxas de reposición, pero sen resultados. 

—Na medicina, a Atención Primaria percíbese como unha especialidade pouco atractiva?

Así o advertiu a nosa presidenta, Susana Aldecoa, no Parlamento galego. Cando recibimos alumnado na consulta moitos admiten que lles encanta o traballo pero que non se ven capaces de exercelo. Como van sentir atractivo por un traballo inabarcábel? No que cada día tes a sensación de que non fas as cousas ben porque non tes tempo para facelo? É moi frustrante para nós.

—Desde a consulta, como viviron este 2020?

Non son quen de criticar as medidas nin a xestión, penso que é unha situación moi novidosa e moi doado criticar a toro pasado. Sabemos de todas as persoas que morreron, as contaxiadas, o impacto desta crise a nivel emocional, social, económico. Do aumento do consumo de ansiolíticos e antidepresivos.

Pero tamén quero dar unha nota positiva sobre a implicación da comunidade. No meu centro tivemos unha relación estupenda coa asociación veciñal. Púxose en marcha un programa para recoller medicinas nas farmacias ou facer a compra a persoas soas, con problemas de mobilidade ou dependencia. 

"Non debemos culpabilizar"

Respecto a unha terceira onda, o médico de familia e portavoz da Asociación de Medicina Familiar e Comunitaria, Jesús Sueiro, advirte de que este virus ten un comportamento "realmente diabólico". Pon de manifesto que "en canto afrouxamos un pouco, dispárase de novo".
A este respecto agarda que a vacinación nos vindeiros meses "axude a relaxar as restricións". Mais, mentres non aconteza, "é moi importante o compromiso persoal". 


Amósase partidario de "explicar sempre a relevancia das medidas", de "non ser cohercitivos" e de "non culpabilizar". A este respecto, advirte da existencia de "moitas persoas que tal vez non se poidan illar porque non teñen como". Nese sentido, Jesús Sueiro engade que "circunstancias persoais, económicas" poden dificultar a posibilidade dun illamento.