Comunidade de Montes en Man Común de Cabeiras

Jesús Estévez: "Ou se empeza a xestionar o monte doutro modo, ou haberá fogos ano tras ano"

Jesús Estévez, representante dos comuneiros de Cabeiras (Arbo) (Foto: Nós Diario).
Jesús Estévez é o presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Cabeiras (Arbo) e unha das persoas que loitaron contra o incendio que arrasou unha parte importante do monte deste concello. Nós Diario conversou con el sobre a problemática dos fogos na Galiza.

—Como se viviu o incendio de Arbo sobre o terreo?

O incendio naceu na parroquia de Mourentán e conseguiuse parar na parroquia de Cabeiras [Arbo] na madrugada do domingo, mais durante o mediodía do propio domingo volveu comezar a arder. A sorte foi que non ía demasiado vento e grazas a iso e á axuda da veciñanza conseguimos parar o fogo.

—A xestión do monte na Galiza inflúe en que se dean estes incendios ano tras ano?

Evidentemente. O monte está abandonado e así pouco importa que se faga un gasto enorme en medios para a extinción e para que o impacto sexa o menor posíbel. 

Pode ser que haxa pirómanos, mais os danos non serían tan graves se houbese un control e a Administración dedicase máis diñeiro á prevención do que a intentar apagar incendios activos. 

Ademais, eu lembro incendios hai anos mais nunca das magnitudes que se ven hoxe en día.

—A Administración sabe xestionar os medios que hai?

O importante non é se os hai nin se se saben xestionar. O problema é máis de raíz.

É necesario ter os montes limpos e ben xestionados para que isto non aconteza. De non ser pola axuda de certas persoas como Venancio Miniño que é un axente forestal que dedicou o seu día libre a axudar a extinguir o incendio, non sei se seriamos quen de facer nada.

—Seguirá ardendo o monte galego nos próximos anos?

Este monte en que houbo o incendio, ardeu tres veces nos últimos 16 anos. Este nin sequera foi o máis grande, o máis grande foi o incendio de 2016 que incluso chegou a afectar o concello das Neves e arrasou toda a parte norte de Arbo. Así que se non se empeza a xestionar o monte doutra maneira diferente, isto vai seguir acontecendo ano tras ano.

—Cales son as medidas máis urxentes a tomar?

Nesta zona de monte en concreto hai moitas propiedades cunha masa de eucalipto descontrolada, e iso si que é responsabilidade da Administración, que debería facer algo ao respecto. Deberíase obrigar a limpar o monte aos propietarios e se é preciso ir ao catastro. 

Como xa dixen, esta é a terceira vez en 16 anos que arde este monte e o que é indignante é que o monte estaba exactamente igual do que quedara despois do último incendio. Nin se limpou nada nin se tomou ningunha medida significante, así que isto podía ter acontecido o ano que vén, o seguinte ou de aquí a dous anos. 

Nesta zona de monte en concreto hai moitas propiedades cunha masa de eucalipto descontrolada, e iso si que é responsabilidade da Administración

A Xunta ten que facer algo xa e non vexo intención ningunha pola súa parte. Este foi un incendio que se ía dar antes ou despois, é o momento de que a Administración actúe.

A necesidade da prevención

De acordo con Jesús Estévez "a Xunta debería dedicar máis recursos á prevención dos incendios". Para el, de pouco serve que se mobilicen moitos medios para incendios que xa están en activo cando, cunha boa prevención, o máis probábel é que se puidesen ter evitado.

O mesmo pensa parte do persoal que traballa na extinción dos incendios na Galiza. Reclaman que os brigadistas fixos descontinuos, que actualmente están operativos por períodos de seis e nove meses, pasen a traballar durante todo o ano para poder realizar tarefas de prevención.

Para alén diso, moitos brigadistas censuran que teñen que soportar "xornadas realmente maratonianas de bastante máis de 12 horas consecutivas", algo que denunciou a Confederación Intersindical Galega (CIG).