Un dos fundadores da empresa Toxo Telecomunicacións

Javier Fontaíña: "Ao inicio non podiamos traballar en galego por non dispor de programas na nosa lingua"

Manuel Caamaño e Javier Fontaíña, creadores da operadora galega Toxo Telecomunicacións. (Foto: Nós Diario)
Toxo Telecomunicacións nace en 2018 e ten a súa sede en Ribeira. A finais daquel ano, dous traballadores das telecomunicacións e o propietario dunha imprenta reconvértense eles e tamén o local no que se situaba o prelo para botar a andar o seu propio operador móbil virtual. Dous anos despois ofertan contratación de móbil, fibra, televisión e fixo virtual, ademais de realizaren a venda de terminais móbiles e de contaren con arredor de 2.500 clientes e clientas, tanto particulares como empresas.

Cóntenos como empezou todo e como están agora.

Cando empezamos, traballabamos cunha empresa que a día de hoxe xa non está en activo tal e como era naquela altura. Subcontratabamos a distribución móbil unicamente, é dicir, arrendabamos a un maiorista un servizo de minutos e xigas e revendiamos ese produto, confeccionando as nosas propias tarifas.

Cando xa nos empezamos a mover no mercado vimos que a clientela solicitaba máis produto, por exemplo a fibra, e comezamos a buscar outra empresa provedora até que atopamos unha que traballaba da mesma forma pero ademais vendíanos fibra FTTH (Fibra Até O Fogar, na sigla en inglés).

Comezamos coa telefonía fixa, a televisión... A día de hoxe, temos telefonía fixa, televisión, fibra, vendemos terminais móbiles, ofrecemos fixo virtual... Este ano asinamos contrato cun provedor que nos dá licenza para vender en todas as fibras que haxa dispoñíbeis polo territorio do Estado español, agás a de R.

E que tipo de operador é Toxo Telecomunicacións?

Somos un operador máis e traballamos con tarxeta de tripla cobertura, a diferenza dos grandes operadores, que cada un usa o seu. Nós traballamos coa cobertura de Yoigo, Orange e Movistar.

Do que se trata é que aquí hai catro grandes operadores: Orange, Movistar, Vodafone e Más Móvil, e os demais non dispón de rede propia, pero iso non quere dicir que sexamos revendedores de ningún operador, senón que temos contrato con aqueles que nos fornecen de cobertura, a televisión subcontratámola cun maiorista de televisión, o mesmo co fixo virtual... 

Empresa da Galiza en galego, limitan o seu mercado?

Moitos clientes preguntan que pasa se van fóra da Galiza, pero non pasa nada, a nosa distribución non está só para Galiza, pero nós dirixímonos á clientela de aquí, que é onde traballamos, facemos a publicidade na nosa lingua. Pódese dicir que nos diriximos a galegos e galegas? Si, pero temos clientes en Barcelona, Melilla, Canarias, Madrid... en moitos puntos de Europa.

A escolla idiomática implicou certa complicación e ademais fomos moi criticados. Apoiamos o comercio local, así como vendemos que o noso é un produto da terra tamén nos gusta gastar aquí, pero iso non sempre é posíbel.

Por exemplo, non temos provedor de telefonía na Galiza, non hai un grande operador galego, entón temos que contratar fóra e iso non nos permite comunicarnos con eles e elas en galego.

Cando comezamos, a nosa web non podía estar en galego porque non se nos podía proporcionar o programa na nosa lingua, senón que tivemos que crear un programa novo, o mesmo pasaba cos contratos, non podiamos pasárllelos en galego para logo darllo tamén en galego ao cliente. Houbo trabas pero estámolas a solucionar.

Como se pode competir cos grandes operadores?  

É moi difícil explicar iso sen falar  sobre cuestións da competencia e non nos gusta falar dos demais. Nós damos un prezo, que cremos que é o que vale o servizo, e ese prezo vai ser igual para toda a clientela que adquira o mesmo produto.

Non xogamos a que se queres marchar ofreceremos unha baixada de prezo, ou se contratas terás 10% de desconto e logo, aos 6 meses, remata a promoción e sobe o prezo. Se nos contratas por 40 euros vas pagar eses 40 euros hoxe, mañá e en 2028. 

Como se contrata Toxo?  

Pódesenos contactar por teléfono, porque quen chame a Toxo vai ser contestado por unha persoa, non hai máis resposta automática que a mensaxe de benvida, e tamén se nos pode contratar na web.