Entrevista ao director do IES Pontepedriña

Javier Dapena: "Nos institutos sentímonos orfos de decisións"

Javier Dapena nas instalacións do Instituto Pontepedriña. (Foto: Nós Diario)
Dapena, que xunto co seu equipo directivo e outros sete dos centros de Compostela, foi dos primeiros en levantar a voz ante a imposibilidade de comezar o curso o día 16, recorda que unha organización baixo "novas premisas, implica novas necesidades de material, orzamentarias, de persoal...".

A medida tomada en Compostela para adiar o inicio do curso foise estendendo a outras cidades, o problema é global?

Xa non son sete ou oito institutos. Durante hoxe o normal é que as sete cidades galegas fagan o mesmo que iniciamos nós, porque xa o fixeron en Pontevedra e na Coruña. Se isto é así os centros máis importantes da Galiza en peso numérico de alumnado, en peso de profesorado e en peso específico xeral solicitarán o mesmo que nós. É dicir, non estamos a falar dun capricho de oito directores dos 10 IES de Santiago de Compostela.

A razón pola que se atrasa á volta as aulas é que non poden artellar a organización. Non contan con ningún tipo de información?

Esa é a realidade. Isto non é un problema de Santiago de Compostela. É un problema xeral ao sistema de Educación Secundaria, Bacharelato e dos ciclos de toda Galiza. De feito, é un problema sistémico a todo o sistema educativo galego. Non se pode esquecer que en primaria empezaron pero, eu creo, que non comezaron nas súas mellores condicións. Penso que foi un erro. Pode haber algún centro solto, mais a maioría dos centros que teñen bacharelato, ESO ou ciclos non están en condicións de comezar.

O número de estudantes xa o tiñan que coñecer... Por que non foron avanzando de cara a estas datas?

Nós en xullo tiñamos coñecemento de cal ía ser a nosa matrícula ao 90% porque as condicións Covid provocaron que moitos alumnos promocionaran e tiñamos claro os que ían a repetir e os que ían promocionar. Pero as decisións de dar cupos, as decisións sobre o profesorado, sobre equipamentos, etcétera corresponden á Consellaría de Educación, non aos centros educativos.

Hai algunha estimación do que fai falla nos IES composteláns?

Neste momento o protocolo xa non fala de alumnado por clase senón de separación de metro e medio así que non hai ratios: o que prima é a distancia de seguridade. Entón haberá centros que teñen capacidade para 15 alumnos, haberá outros que teñan capacidade para 20, outros para 25... Todo dependerá. Non se pode estabelecer un sistema único. Por exemplo, o Rosalía de Castro ten que desdobralo todo porque non ten capacidade para máis de 10 ou 15 alumnos por aula. Nós, se non facíamos nada semipresencial, tiñamos que ampliar 12 aulas.

Isto levará tempo porque hai que buscar os espazos novos. 

Temos que reconvertir espazos: coller a biblioteca e sacar mesas e meter mesas de pupitre, espazos que estaban a ser utilizados para outras funcións necesarias pasarán a ser aulas... E todo isto non se fai en dous días. Sen instrucións claras, que facemos?

Despois da denuncia que fixeron algúns directores en Compostela, tiveron resposta directa da Consellaría de Educación?

O protocolo final publicouse o día 31 de agosto. É dicir, perdemos un tempo precioso porque tiña que terse publicado moito antes. Co 31 de agosto teríamos que organizar todo nestes días de setembro pero, cando organizamos baixo novas premisas, implica novas necesidades de material, orzamentarias, de persoal... Precisamos todo novo.

Mais, cada instituto terá claro o que ten que solicitarlle ao conselleiro a nivel particular.

Entre o día 1 de setembro e o 7 de setembro enviamos ás inspeccións educativas que lle corresponden a cada quen os informes pertinentes. Todos enviamos os informes e, incluso, a algúns se nos obrigou a ilos matizando, matizando, matizando... O que provocou que nós, por exemplo, enviaramos catro informes. Todos os centros deron a coñecer a súa situación e estamos agardando o visto bo.

Dificultou o avance o feito de que mudaran os cargos na consellaría?

Agora imos ter novos interlocutores pero non só iso senón que supón un cambio absoluto en calquera toma de decisións. Estamos a día de hoxe con nomeamento dos cargos que teñen que tomas as decisións. Téñennos que dar pé a un novo protocolo de traballo pero hai que organizar centros de 800 persoas, 700 persoas, 1.000 persoas... e organizar centros con sistemas complexos.

Agora anunciouse o atraso oficial do inicio do curso, como vostede agardaba, pero era inviábel facelo en dous días?

Era unha quimera.

Sentiron abandono por parte da Xunta e da Consellaría de Educación.

Evidentemente sentímonos orfos de decisións. Así estivemos nos meses pasados e temos que estar tomando decisións sen ter un criterio claro co que actuar. Agardamos que a partir de agora exista unha liña clara cunhas decisións claras. A persoa que veu coñece a consellaría e, eu a título persoal, penso que é capaz de buscar e artellar solucións pero o que hai que ter é vontade de artellalas.  

Xa prevía un adiamento oficial, pero isto que implica?

Sairá unha modificación da resolución do inicio do curso pero tamén podería saír unha orde xeral para que os días que perdamos agora se amplíen no mes de xuño, que tamén sería algo coherente para manter o número de sesións lectivas.

Que lles trasladaron as familias do estudantado?

As familias están chamando sen parar aos centros. Piden aclaracións, que lle digamos algo e non podemos dalas. Que a xente asuma que esta situación non é pola nosa falta de traballo nin polas nosas ganas de traballar senón que é algo que nos supera. As decisións están fóra das nosas mans.