Entrevista

Javi Cui, de Biodiversidade do Deza: "A conservación da biodiversidade non é boa"

Javi Cui xestiona a web BIodiversidade do Deza
A páxina web Biodiversidade do Deza, xestionada por Javi Cui, conforma un espazo de divulgación ambiental da comarca mencionada. Con este fin, ofrece unha catalogación das especies presentes nos ecosistemas, todas elas fotografadas a pé de campo. Conversamos co creador deste proxecto, que naceu en 2016 para contaxiar o seu interese polo medio natural a toda a cidadanía. 

Quen hai detrás do proxecto Biodiversidade do Deza?

O 99% do traballo fágoo eu só. Levo xa moitos anos interesado pola natureza, xa case se me pode considerar un naturalista amateur. Tiña unha chea de documentación gardada para min e empecei a publicala nun pequeno blog hai xa cinco anos. Falando con compañeiras miñas, comentamos que sería interesante facer un proxecto de divulgación. Daquela foi cando puxen en marcha a web que temos agora. Aínda que non sexa profesional, as publicacións que fago están asesoradas por biólogas e toda a información está contrastada.

O que pretendemos con este traballo é a conservación. Para iso consideramos fundamental dar a coñecer o que temos

Que contidos inclúe a web?

Todo o relativo á biodiversidade da comarca do Deza. Son seis concellos, que abranguen máis de 1.000 quilómetros cadrados, así que ben nos chega. Principalmente facemos unha catalogación das especies que imos atopando nos distintos ecosistemas da zona. Ao mesmo tempo, intentamos explicar o seu comportamento e as características dos diferentes ecosistemas, sobre todo para que a xente o vexa, pois o que pretendemos con este traballo é a conservación. Para iso consideramos fundamental dar a coñecer o que temos. Hai moita xente que vive no rural ou que leva toda a vida no monte, que coñece moi ben a biodiversidade da comarca, pero non ten un interese en preservala. Por outra banda, tamén hai quen non a coñece e polo tanto tampouco pode ter esa preocupación. O proxecto quere chegar a eses dous sectores, para divulgar a biodiversidade e poñela en valor. 

A comarca do Deza é un espazo moi representativo do interior da Galiza

Como avalía o estado da biodiversidade na zona? 

Agora mesmo, o Deza é un espazo moi representativo do interior da Galiza. É unha comarca grande e temos unha biodiversidade moi ampla. Porén, o estado de conservación non podo dicir que sexa bo. Estase a facer continuamente unha alteración moi grave dos ecosistemas. Os principais puntos nos que habería que actuar son a protección do bosque autóctono, ameazado polo aumento de plantacións de eucaliptos e plantacións forestais, e as masas de auga e zonas húmidas, que agora mesmo están moi alteradas, pois temos unha masificación da gandaría intensiva que implica vertidos ou pradarías que destrúen os ecosistemas, afectando directamente á biodiversidade. E logo hai especies que se perseguen, como era o lobo ibérico ou como son os raposos coas cazarías que se están a desenvolver. Os espazos de especial interese ambiental, como os integrados na Rede Natura, tamén sofren continuadas alteracións incumprindo en moitos casos a lexislación que os ampara.