Entre 40 e 49 anos

Janssen, Pfizer ou Moderna: Que vacina porán?

Vacinas Janssen (Imaxe: Europa Press).

Este domingo arrinca en Compostela a vacinación das persoas que teñen entre 40 e 49 anos e a partir do día 7 a inoculación nesa franxa de idade estenderase a todas as áreas sanitarias. Explicamos o factor do que dependerá a vacina administrarán.

Fican apenas dous días para que comece a inoculación das persoas de entre 49 e 40 anos -a orde é de máis vello a máis novo-. Iniciarase en Compostela este domingo e a partir da segunda feira ampliarase a todas as áreas sanitarias galegas.

Segundo o Instituto Galego de Estatística, pertencen a este grupo de idade 443.000 persoas, boa parte delas, da xeración do “baby boom”.

A estratexia de vacinación foi mudando nos últimos meses, a raíz dos diferentes estudos que adaptaban o uso de cada preparado por idades. Neste momento son tres os fármacos aprobados para a franxa de idade de 40 a 49 anos: Pfizer, Moderna e Janssen. Esta última, do laboratorio Johnson & Johnson, incorporouse á campaña de vacinación en abril, unha vez a Axencia Europea do Medicamento deu luz verde ao seu uso.

Nun primeiro momento, a vacina Janssen reservouse para persoas de entre 70 e 79 anos, máis tarde para persoas de máis de 50 anos e tamén para colectivos como mariñeiros e grandes dependentes dada a vantaxe que supón ser monodose. O 1 de xuño confirmábase que se empregaría tamén nas persoas de 40 a 49 anos.

A vacina utilizada no colectivo de entre 40 e 49 dependerá da dispoñibilidade de viais e, de momento, a farmacéutica Johnson & Johnson non está a cumprir cos prazos comprometidos. For cal for, as persoas expertas sinalan que as vacinas están a cumprir as mellores expectativas.

Atrasos nas entregas de Janssen

A UE esperaba 55 millóns de doses durante o segundo trimestre do ano, mais de momento, a falta dun mes para que remate o prazo, só se recibiron 7,2 millóns. De feito, o Estado español contaba con recibir 1,6 millóns neste período e obtivo pouco máis de 939.000 e delas chegaron á Galiza 53.600.

Tamén periga o cumprimento no prazo do contrato completo: 17,5 millóns antes do 30 de setembro.