Isabel Montero, nai dunha nena con TEA: "Defendemos o dereito da nosa filla a unha atención específica e sen atrancos"

A nena de 7 anos require, segundo especialistas e familia, apoios para o seu desenvolvemento como un profesor preferente e unha tablet. (Foto: Nós Diario).
Unha familia de Arzúa pon o foco no reto pendente da inclusión educativa.

"Estamos ante un caso de vulneración dos dereitos educativos dunha menor con necesidades específicas". Así resume Isabel Montero, nai dunha nena de 7 anos con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e Trastorno de Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) escolarizada no CEIP de Arzúa, a situación de atención á diversidade que atravesa a cativa neste colexio.

Asegura que sempre foi contenta á escola. "Na etapa de infantil contou cunha titora moi implicada no seu proceso de aprendizaxe". Os problemas, di, comezaron co salto a Primaria e a falta de aplicación do plan individual de atención aprobado para a súa filla e dos protocolos estabelecidos por Educación para o alumnado con TEA. "O plan específico é moi básico e debera revisarse cada curso en función das necesidades da nena. Mais non se fixo. Manteñen o do ano pasado, polo que aínda non recolle as achegas das asociacións que atenden a Lara".

Desde hai dous anos a familia mantén un tirapuxa co centro e a Administración documentado con ducias de informes, solicitudes e recordatorios oficiais para unha mellor atención da rapaza

O detonante dos atrancos que a familia sinala a Nós Diario, dos que son sabedores tamén a Consellaría de Educación e a Valedora do Pobo, ademais de todas as entidades que acompañan a crianza no seu desenvolvemento, foi o uso dun reloxo GPS que o centro censurou amparándose "nunha lei que prohibe ese tipo de dispositivos na aula" e que especialistas médicos recomendan polas "dificultades de autonomía e comunicación" da nena. 

Apoios técnicos e humanos

Desde entón a familia mantén un tirapuxa de dous anos co centro e a Administración documentado con ducias de informes, solicitudes e recordatorios oficiais para unha mellor atención da rapaza. Neste tempo, explica Montero, lograron que o reloxo GPS fose admitido, mais aspiran a que o colexio cumpra outros mínimos: "anticipación, protocolos de entrada e saída da nena do centro e as horas de apoio que lle corresponden". E piden que lle concedan unha tablet mais a figura dun profesor preferente, "como nos recomendou solicitar a orientadora do colexio".

Consideramos que debe seguir nese colexio e que debe existir un mellor control da inclusión por parte da Administración

A situación deteriorouse na recta final do curso. "A falta de información, coordinación e resposta por parte do centro", sinala Isabel Montero, estragou a súa relación mais tamén a confianza e seguridade de Lara na escola. "Non se sente involucrada e comeza a afectarlle á saúde. Até deixou de ir varios días á escola por recomendación médica, porque se sente rexeitada e iso créalle ansiedade".

Mais esa perda tamén supón unha mingua das súas capacidades como alumna cunhas necesidades específicas de atención. "Nós consideramos que debe seguir nese colexio, que debe pór os medios técnicos e humanos necesarios á súa disposición. E consideramos que debe existir un mellor control da inclusión por parte da Administración".

A Galiza non goza de profesorado suficiente nin competente para levala a cabo de forma efectiva

En resposta a Nós Diario, a Consellaría de Educación mantén que "segundo a información técnica proporcionada pola Inspección educativa esta alumna conta con todos os recursos educativos que precisa" e que "non se solicitou ningún apoio educativo a maiores".

Desde Anpas Galegas, Fernando Lacaci asegura que neste caso concreto a situación chegou "ao límite do grotesco", mais dá conta "de despropósitos cotiáns" na atención á diversidade na Galiza, que non goza de profesorado suficiente nin competente para levala a cabo de forma efectiva. "A Xunta non fornece de medios abondos os centros escolares cando ten todas as competencias, recursos e posibilidades para facelo, gústelle ou non".

Cooperación, control e seguimento 

A aposta por unha educación inclusiva "require recursos materiais e humanos", afirma a vicesecretaria de Cogami, Juana Tubío. "Melloran o desenvolvemento persoal do alumnado con necesidades especiais mais tamén da aula e do propio profesorado". O caso de Arzúa, di, revela que é urxente "reforzar a cooperación entre os diferentes axentes que atenden o alumnado e estabelecer mecanismos de control e seguimento para asegurar que contan cos apoios suficientes e de calidade. Non poden quedar a mercé do centro".

A atención á diversidade non se logra nin con boas palabras nin con normas, conclúe Lacaci. "É algo moi custoso. Fan falta cartos para dedicalos ao que verdadeiramente importa: máis profesorado con formación específica para que todas as crianzas estean ben atendidas". Do contrario, di en referencia ao caso de Arzúa, seguiremos a ver como o alumnado "sofre o desencontro de xente moi pouco profesional".