Irvine Welsh e o Camiño (independentista) de Santiago

Imaxe da conta de twitter @IrvineWelsh

O escritor escocés, que vén de facer o Camiño Portugués, volveu recoller nas súas redes sociais as reivindicacións do independentismo galego.

O pasado 20 de xuño Irvine Welsh subía na súa conta de twitter unha foto dunha pintada independentista galega e escribía: “Viva Galiza!”. Unha declaración que se estendeu rapidamente polas redes sociais acompañada non poucas veces da pregunta de que faría o autor de Trainspotting no noso país. A curiosidade foi saciada: o escritor escocés estaba na Galiza realizando o Camiño de Santiago, en concreto, o Camiño Portugués: “258 millas (uns 415 Km) en 10 días”, escribiu.

Esta fin de semana Welsh volveu deixar constancia nas súas redes de pintadas do independentismo galego. Nesta ocasión, dunha chamada á mobilización de Causa Galiza en forma de pinrada nun muro: “Día da Pátria. Independência”. “Love this bad boy #VivaGaliza”, escribiu o escocés, que apoiou o si á independencia no referendo escocés de 2014.