Irmandade TV, a primeira televisión independente en Galiza en dar o salto ao vivo

Irmandade.tv

'O debate' poderase ver en directo. A cita é esta terza feira, 29 de outubro, a partir das 21:30, en Irmandade.tv. Entrevista a Francisco Rodríguez, mesa de debate con Goretti Sanmartin e Martiño Noriega sobre a reforma local, a folga do ensino...

 

En poucos meses, o universo das televisións independentes en Galiza está a petar forte. Galiza anocero ou Irmandade TV, alén doutras máis 'veteranas' coma o Quinteiro do Umia, agroman con forza, abrindo múltiples posibilidades de se informar. Nesta dinámica, Irmandade TV anuncia que dá o salto ao directo. E faino apenas cinco meses despois de iniciar as emisións.

A cita ao vivo será esta terza feira, 29 de outubro, no programa 'O Debate', que conduce Aurelio Lópes. @s que o desexen poderán seguir ao vivo o 10º programa de 'O Debate' a través de irmandade.tv. A entrevista será a Francisco Rodríguez, ex-secretario xeral da UPG e membro do Consello Nacional do BNG. Na mesa de debate analizarase a reforma local impulsada polo goberno español, a folga no ensino ou os anuncios do executivo central de que xa se percebe unha recuperaciión económica.

Victor Giadás, ao tempo, irá navegando polas redes sociais para achegar aqueles chíos máis interesantes sobre os temas a debate.