O irmán do alcalde de Sanxenxo detido pola súa relación cunha rede de narcotráfico

Momento da detención (TVG)

Unha operación policial despregada esta terza feira contra o tráfico de haxix e cocaína rematou coa detención, entre outros, de Roberto Martín en Vigo

Roberto Martín, irmán do alcalde de Sanxenxo Telmo Martín (PP), foi detido esta terza feira no marco dunha operación antidroga contra unha organización criminal internacional dedicada ao tráfico de haxix e cocaína

A operación realizárona axentes da Unidade Central de Operacións da Garda Civil e realizouse na súa vivenda, nunha céntrica rúa viguesa.

Na mesma xornada realizaron rexistros e detencións en Cádiz e Barcelona. Nesta ultima cidade os axentes rexistraron varios locais comerciais e vivendas e hai catorce persoas detidas, entre elas  o presunto líder da organización.

Segundo fontes policiais, a organización criminal internacional dedicábase ao tráfico de haxix e cocaína en América do Sur, Europa e África.

O dispositivo comezou de madrugada e sorprendeu á veciñanza da zona viguesa da que saíu o irmán do alcalde de Sanxenxo detido, esposado e coa cabeza cuberta.

Varios rexistros en Vigo, Meis, A Toxa e Meaño

Na operación realizáronse rexistros en catro inmóbeis  relacionados co empresario do Salnés en Vigo, Meis, A Toxa e Meaño en busca de probas da súa implicación con esta organización criminal.

As mesmas fontes policiais aseguraron que Roberto Martín mantivera varias reunións co líder da banda e do resultado deste operativo dependerá a súa posterior imputación.