Iria Rivera, guía no Dolmen de Dombate: "Chamáronme imbécil e cateta e mandáronme á merda por facer a visita guiada en galego"
Iria Rivera leva sete meses contratada como guía no Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), onde, coa chegada do verán, cada 30 minutos aproximadamente acompaña unha visita guiada a este espazo arqueolóxico explicando a súa orixe e significado no período megalítico, e respondendo ás preguntas dos visitantes. Iria é galegofalante, ademais de dominar outros cinco idiomas. A Deputación da Coruña -propietaria do dolmen que coxestiona co Concello de Cabana de Bergantiños, estabelece o uso preferente do galego para as visitas guiadas. Na pasada sexta feira seis visitantes procedentes de Valladolid increparon e acurralaron Iria ao remate dunha visita por ter falado en galego.
—Xa contaches a historia en redes. Mais agora, co repouso das horas decorridas, que pasou?
Teño que facer as visitas guiadas cando as piden, normalmente fanse todas no verán, son visitas cada media hora e a Deputación pídenos que sexan en galego, cando son todos de fóra nos dan a opción de facelas en castelán ou no idioma maioritario. Neste caso, na sexta feira, había unhas 20 persoas da Galiza e uns minutos antes de empezar chegaron un grupo de seis persoas de Valladolid, e díxenlles que había visita e se querían unirse podían.
Empecei a visita e todo ben, paraba polo medio para responder preguntas que eran todas sobre o dolmen e cando rematei a visita preguntei se había algunha dúbida que puidera resolver e non houbo ningunha.
Cando baixei preguntei á xente que estaba chegando de onde eran para as estatísticas e viñeron estes de Valladolid e empezaron a dicirme a berros que non era normal que fixera a visita en galego se sabía que eles eran de fóra. Eu díxenlles que a Deputación era a que nos mandaba facer a visita en galego e que o resto das persoas do grupo eran galegos e tiñan dereito a ser atendidos na súa lingua.
Puxéronse a berrarme e insultarme, chamáronme imbécil e cateta e mandáronme á merda. Dixéronme a berros que pola Constitución tiñamos que falar español, que o galego só era idioma cooficial. Eu díxenlle que cooficial significa que ten o mesmo valor e que segundo o Estatuto de Autonomía da Galiza a lingua da Galiza é o galego. Díxenlles que podían presentar unha queixa á Deputación, mais seguiron a berros.
—Chegou a haber contacto físico?
Mentres me berraban empezaron a rodearme e eu fixen unha sinal ao compañeiro de seguridade. Estaba sentíndome violentada porque empezaron a agarrarme do brazo para que lles fixera caso. Tampouco moi forte, mais non tiñan por que tocarme. Púxenme bastante nerviosa porque non contaba con iso, e unha delas empezou a berrarme algo sobre [Alberto Núñez] Feixoo, e ao final veu o de seguridade e xa os botou fóra.
—Levas sete meses no dolmen de guía. Pasou algo así algunha outra vez ou contáronche dalgunha situación semellante?
Tan grave non, hai un par de semanas viñeron uns, e é normal que se queixen, ou que se poñan á defensiva ou berren algo, mais nunca ao nivel de chegar ao insulto persoal. A este nivel non, sabemos doutra xente que se puxo violenta, mais soe ser xente que vén buscando enredos.
—Como reaccionaron o resto dos membros do grupo?
A maioría da xente quedou enriba facendo fotos, eu son a primeira en baixar, había un rapaz da Coruña e unhas rapazas de Granada que se achegaron cando escoitaron o barullo e até gravou un momento cando eu estaba explicándolles por enésima vez que a Deputación me mandaba facer a visita en galego e unha das señoras empezou a dicirme non sei que de Feixoo. Estaban flipando e xa foi cando entrou o de seguridade e xa os botou. Despois os rapaces viñeron canda min a preguntarme se estaba ben.
—E estabas ben?
Acabei chorando un pouco polos nervios. O resto da tarde estiven afectada, de feito a seguinte visita xa a fixen máis nerviosa e estiven tremendo un anaco. Tamén me abafou un pouco a repercusión en redes sociais. Conteino en X para os catro amigos que teño, mais volveuse viralísimo.
Usei en X a palabra fodechinchos, mais non por xeneralizar, normalmente hai moita xente que vén de Madrid ou doutros sitios que son encantadores, eu fago a visita en galego e voulles traducindo ou aclarando o que non entendan, e teñen folletos, e nunca me pasara algo así. Nesta última semana pasarían máis de 1.000 persoas polas visitas do dolmen e só houbo problemas con estas seis.
Fodechinchos non son os que veñen de turismo, son os que veñen impondo e faltando o respecto. Non é unha batalla contra o turismo, é un problema de respecto. Nunca me pasara algo así, en Cabana de Bergantiños falamos todos galego, e no cole e no instituto sempre falei galego, e na universidade por sorte tampouco tiven moito problema, como moito polo acento bergantiñán. De feito, o ano pasado estudei en Granada e coas miñas amigas de alí, que son andaluzas, falaba galego e querían que lles falase galego porque queren aprender.
—Comunicaches o acontecido aos teus superiores e cal foi a reacción?
Chamáronme do Concello, do que dependemos nós, foi a concelleira de Cultura para preguntarme se estaba ben, tamén preguntaron da Deputación se estaba ben e para saber como fora todo e emitir un comunicado á prensa.
—Tes dereitos lingüísticos (ademais de estar amparada por unha normativa no teu traballo), pensas denunciar?
Ofreceume un compañeiro se me parecía ben facer denuncia diante da Mesa pola Normalización Lingüística, tamén o rapaz da Coruña que estaba presente me dixo que se quería denunciar e precisaba testemuñas que contase con el e coas rapazas de Granada que estaban alí, porque isto non é normal e non tes por que deixalo pasar. Aínda non o teño moi claro, ao mellor fai a denuncia a Deputación como entidade e así evito ter que facer eu os trámites.
—O galego é o idioma habitual nestas visitas guiadas?
É raro atopar unha visita coma a da pasada sexta feira con tantísima xente da Galiza, eu agradézoo moitísimo. O outro día estiven unha mañá na que todo o mundo era de fóra, e eu agradezo cando hai valencianos, cataláns ou maiorquíns para poder falarlles en catalán, senón non falo máis que castelán. Falo galego, castelán, inglés, francés, catalán e un pouco de portugués, e estou estudando árabe mais estáseme complicando un pouco.