A Deputación da Coruña investigará a agresión a unha guía turística por expresarse en galego
A Deputación da Coruña abrirá un expediente de investigación sobre a agresión verbal e a intimidación física que sufriu Iria Rivera, guía turística no dolmen de Dombate (parroquia de Borneiro, en Cabana de Bergantiños), a mans dun grupo de visitantes procedentes de Valladolid. Increpárona por expresarse en galego durante a visita que guiou a este importante espazo arqueolóxico do período megalítico, que xestionan a entidade provincial e o Concello.
A Deputación, que reaccionou a fin de semana cun comunicado público lamentando os feitos, falou coa traballadora afectada e expresou a súa "tolerancia cero" a este tipo de sucesos. Desde a Deputación da Coruña sinalaron esta segunda feira a Nós Diario que abrirán un "expediente de investigación para coñecer os detalles do acontecido" e estudar medidas a respecto. O Concello de Cabana tamén condenou a agresión sufrida por Rivera, a quen expresaron o seu apoio e solidariedade.
A Xunta rexeita falar de dereitos lingüísticos
Pola súa parte, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, preguntado esta segunda feira por este xornal na rolda posterior ao Consello do Goberno galego, recoñeceu que só sabe do caso polos medios de comunicación e afirmou que "aquí, máis importante que os dereitos lingüísticos é reclamar un turismo sostíbel, no que os turistas sexan amábeis e respectuosos".
A condena dos actos violentos padecidos por Rivero e as mostras de solidariedade da Deputación da Coruña e do Concello de Cabana de Bergantiños contrastan co discurso desta segunda feira de Alfonso Rueda, que nin apoiou nin se referiu expresamente a estes feitos. "Afortunadamente a maioría dos que nos visitan non teñen esas actitudes e iso é o importante", limitouse a dicir o presidente galego.
A preguntas de Nós Diario, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta da Galiza, dirixida por Valentín García, sinala que "neste caso é importante reclamar un turismo educado e respectuoso". Desde a Secretaría lamentan os feitos e aseguran terse posto en contacto coa Deputación da Coruña -titular do dolmen de Dombate- "para recoller toda a información e pórnos á súa disposición". E rematan: "Lamentamos a actitude destas persoas que demostraron que non teñen respecto por aqueles que están facendo o seu traballo".
O Goberno español non tomará medidas
Preguntados por este xornal, desde a Delegación do Goberno español na Galiza "lamentan fondamente" os feitos e trasladan a súa "solidariedade" coa guía afectada e "o noso recoñecemento ao seu traballo". A respecto das medidas políticas precisas desde as institucións que operan no país para garantir os dereitos lingüísticos de Rivero, a Delegación que dirixe Pedro Branco sinalan na súa resposta a amosar o seu apoio "ao uso do galego porque significa garantir dereitos, cohesión social e respecto pola diversidade que enriquece o conxunto do Estado".
Dereitos lingüísticos establecidos por lei
Malia que nin o Goberno galego nin o español vaian tomar medidas para investigar ou evitar que se repita o acontecido, a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística recoñece e ampara os dereitos desta traballadora e de todas as galegas e os galegos e o Estatuto de Autonomía da Galiza indica que o idioma oficial da Galiza é o galego e obriga as institucións que operan no parís a defendelo, promovelo e amparar os dereitos das galegas e dos galegos.
Pola súa parte, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, explicou esta segunda feira a Nós Diario que xa se puxera en contacto coa traballadora afectada para ofrecerlle "asesoramento" a respecto dos feitos acontecidos e as posíbeis accións para reclamar os seus dereitos. Con todo, Maceira agradeceu a resposta inmediata tanto do concello de Cabana de Bergantiños como da Deputación da Coruña, e explicou que A Mesa púxose a dispor tanto de Iria Rivero como destas dúas institucións para "asesorar" diante de posíbeis accións futuras a respecto, polo que é "unha agresión aos dereitos lingüísticos".
Uns feitos cada vez "máis habituais"
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que este tipo de feitos "son cada vez máis habituais", polo que define como "un ambiente en contra do galego apoiado pola Xunta da Galiza". Marcos Maceira criticou que feitos como que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, se negara a semana pasada a asinar unha carta defendendo a cooficialidade do galego na Unión Europea sementa unha actitude de "galegofobia" mesmo desde as institucións do país.
"O primeiro debería ser que o Goberno teña claro que temos dereito a vivir na nosa lingua", sinala Maceira, que reprochou á Xunta que promova o turismo sen facer referencia algunha a que Galiza ten un idioma propio.