Inzar os montes galegos de bambú para producir enerxía nas centrais térmicas

Adega afirma que o goberno galego prepara un decreto de cultivos enerxéticos que permitirá o cultivo masivo desta especie invasora. Comunidades de montes de Moraña, Cuntis, Valga, Forcarei, Caldas... recibiron a visita de representantes do negocio relacionada con esta pranta. “Unha gran ameaza á biodiversidade”, sinala a asociación ambientalista.

“As perspectivas de negocio da gran industria pasteiro-enerxética están dende hai anos centradas na biomasa, e máis concretamente nos cultivos enerxéticos destinados á produción de electricidade en centrais térmicas”. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) apunta a un dos retos que a sociedade galega ten que afrontar desde xa, o dos cultivos enerxéticos masivos. O marco normativo tanto estatal como galego non resultaba propicio para o desenvolvemento a grande escala do aproveitamento da biomasa forestal primaria, isto é, dos cultivos enerxéticos. Mais isto está a variar, afirma Adega. 

“A consigna é Plantar-Queimar-Plantar o máis rapidamente posíbel”, alertan @s ambientalistas


“Coa chegada do PP a Madrid, unha das primeiras accións de Cañete foi "depurar" o catálogo de invasoras, "amnistiando" a varias especies con alto potencial invasor para permitir o seu aproveitamento cinexético ou comercial. Tal foi o caso so bambú, unha planta exótica con grande potencial de infestación”.

Crecemento rápido

Ademais, a Xunta leva meses “cociñando un decreto de cultivos enerxéticos” que permitirá o desembarco masivo desta e doutras especies invasoras de crecemento rápido nos montes galegos. “Serán plantacións mono-específicas de até 100 ha continuas e ciclos de corta de 4-6 anos, ou anual no caso do bambú, con destino ás térmicas: A consigna é Plantar-Queimar-Plantar o máis rapidamente posíbel”.

“Unha das primeiras accións do PP no goberno foi "depurar" o catálogo de invasoras, "amnistiando" a especies con alto potencial invasor para permitir o seu aproveitamento cinexético ou comercial"

Ameaza á biodiversidade

Adega alerta do impacto destas novas invasións e do modelo produtivo que levan aparellado e que “afectará directamente á nosa biodiversidade e afondará da dependencia de propietarios e comunidades de montes da patronal pasteiro-enerxética”. 
Neste senso, son xa varias as comunidades, afirma a organización ambientalista as que teñen recibido a visita de representantes do negocio do bambú, “que ofrecen todos os servizos (plantas, mantemento e recolla da produción) e prometen beneficios superiores aos do eucalipto”. Comunidades como, citan, as de Moraña, Cuntis, Valga, Forcarei, Caldas...

Perigos

“Os cultivos enerxeticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas para manter un alto e constante ratio de produción. Son moi agresivos co medio degradando o solo e reducindo a súa fertilidade e poderían significar a perda definitiva da biodiversidade dos montes e a desaparición de moitas masas forestais autóctonas”.